Feminismos, de Olga Castro e María Reimóndez

Olga Castro e María Reimóndez

Feminismos

Xerais, Vigo, 2013, 296 páxinas, 22 €

 

 

 Ao ler este volume ensaístico, que vén da man de Olga Castro e María Reimóndez, lembraba aquela célebre e desafortunada aseveración que un político fixera hai algúns anos arredor do ensimismamento da nosa cultura. Matinaba nisto pois Feminismos, que atesoura un dos ensaios máis luminosos aos que accedín nos últimos tempos, esfarela con convicción aquela irreflexiva sentenza ao ofrecer un percorrido innovador, pioneiro, globalizador e aberto ao mundo, isto é, unha cartografía,  como ben define a prologuista do libro, Belén Martín Lucas, “dos feminismos na xeografía e na historia”.

         Non é pouco ambicioso, como se ve, o obxectivo desta proposta que, malia os tópicos que se abaten arredor do xénero, posibilita unha lectura fluída e áxil pois as autoras adoptan unha perspectiva que harmoniza a amenidade, o espírito didáctico e o divulgativo
na pretensión de establecer un marco amplo que posibilite outras propostas posteriores. Para este fin articúlanse os seus contidos, alén dunha introducción xeral,  mercé tres grandes bloques como son as voces múltiples dos feminismos, os denominados “temas planetarios” e a relación entre aqueles e diversas disciplinas como a ciencia, economía, arte, relixión, educación ou comunicación entre outros.

         É este un libro no que cómpre salientar, ao meu ver, o espírito totalizador que o domina, marcado polo manexo tanto dunha abundantísima documentación como dun case oceánico traballo de investigación, sintetizado aquí útil e acaidamente. E goza, Feminismos, doutra vantaxe pois posibilita transitar polas súas páxinas coma se se realizase unha viaxe, realizando un percorrido itinerante por moitos espazos do mundo mais non para falar dos “problemas das mulleres”, que adoito pensamos que é o que ocupa a este movemento, senón dos problemas da humanidade.

        Os feminismos, como ben demostra este volume, traballan desde a pluralidade, falan do mundo e tamén das persoas, loxicamente dos seus problemas, das exclusións, dos fundamentalismos e do patriarcado, materializado en moi desemellantes maneiras, sempre desde unha atalaia que nunca  cae no vitimismo. Antes ben, esta proposta fai pensar en que aquí se encerran un feixe ferramentas do coñecemento que resultan de inequívoca utilidade para avanzar en camiños igualitarios, para transformar o mundo e que abren a porta a prácticas que son un garante para que todas as persoas poidamos  ter acceso a unha vida digna.

            Velaquí, en fin,  unha achega precisa para escorrentar  preconceptos tan arraizados en ocasións –como ben poñen de manifesto as autoras- como que a día de hoxe esta corrente de pensamento siga a ser estigmatizada e, nalgunha medida, ignorada. Resulta unha fortuna, pois, a aparición deste volume que nos axuda a facer xustiza ás mulleres que, malia esa estigmatización, traballaron e traballan por todas e todos nós.

        Particularmente recomendo este libro: para ler devagar, para reflexionar, para avanzar en tantos camiños que quedan por percorrer.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 4 de maio de 2013, baixo o título de “Un ensaio luminoso”.