Manuscrito: Berta Dávila

Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora dos libros de poemas Corpo baleiro (Espiral Maior, 2007) e Dentro (Premio Avelina Valladares, 2008), da novela Bailarei sobre a túa tumba (Premio Biblos de Novela, 2008) e do libro de relatos A arte do fracaso (Barbantesa, 2010) que foi traducido ao castelán e ao xaponés por Pulp books.

        Con Raíz da fenda obtivo, no 2012, o Premio Johán Carballeira de Poesía e vai ser en datas próximas publicado por Edicións Xerais. Xustamente é deste último libro do que a autora nos fai o galano de ofrecer uns manuscritos que van derivar nunha versión definitiva espellada  no poema transcrito ao final deste apuntamento.

      Para Berta Dávila, o proceso de escrita é diferente segundo o xénero ao que se asome e, ademais, “mudou moito nos últimos dous anos. Cada vez corrixo máis. Sempre traballo en varios proxectos a un tempo e non son consciente de ter ningunha teima especial”.

      A autora compostelá emprega sempre o ordenador cando escribe narrativa; porén, para a poesía si que fai uso de  cadernos: “se pode ser de pauta e de formato apaisado, porque se axustan ben ao verso. Non hai outra razón que a comodidade. Corrixo bastante sobre o escrito, en diferentes momentos, ata que se fai difícil entender as correccións, e entón fago unha nova versión manuscrita. Mestúranse no caderno distintas versións dos poemas que teñen máis tempo con poemas novos en diferentes estadios”. Posteriormente, cando estes están xa  están avanzados pasan ao ordenador e adoita “facer novas correccións xa no procesador de textos”. O que resulta, ao meu ver, orixinal é o proceso que adopta para organizar os poemas que se integran nun mesmo libro pois  para este obxectivo, “e para dar forma á estrutura do poemario, imprímoos e pendúroos nas paredes do corredor da casa” (véxase foto inferior).

     É nese momento cando Berta Dávila realiza correccións “tanto dos textos como da estrutura do poemario, exclúo poemas, colócoos en distinta orde ou percibo carencias e desequilibrios. No corredor pasan un tempo longo (meses) e atravésoos a diario. Hai días que paso moito tempo traballando diante deles, outros nos que actúo coma se non estivesen, e outros nos que ocasionalmente retiro un texto do seu sitio ou fago unha corrección puntual”.

     Velaquí as imaxes do proceso de confección do poema devandito e o resultado final na parte inferior. Grazas á autora pola súa colaboración e o desexo da mellor das sortes con Raíz da fenda (foto superior da autora: Paula Gómez del Valle).

Primeiro

chegou o espertar das sílabas

como o ferver espeso dun volcán,

e a terra derretida atravesándose

igual que un corazón.

 

Despois

abrimos unha fenda que era limiar hipnótico,

unha ruptura como un parto.

 

E así foi a palabra

antes da cousa

á que chamaba.