Universo Pitágoras, de Rocío Leira Castro

Rocío Leira

Universo Pitágoras

Biblos, Mandaio, 72 páxinas, 13 €

Non dubido que Rocío Leira merecía chegar a este que é o seu primeiro libro publicado en forma independente tras colleitar numerosísimos galardóns literarios ata hoxe. Este Universo Pitágoras, que conta con ilustracións de Xosé Tomás, e talvez debido á súa longa traxectoria como narradora non édita ata o de agora, non parece en absoluto o seu primeiro libro. Antes ben semella unha obra literaria moi singular e de madurez, redactada con sinxeleza onde se depositou moita intelixencia e onde combina acaidamente con moi diversos elementos que van  desde os estruturais ata os temáticos.

            Mais, que se agocha tras este Universo Pitágoras? Pois na realidade moitas cousas, aínda que talvez o máis relevante sexa o relato en si que repara nunha protagonista feminina chamada Xiana que, sendo refractaria aos números, vai verse involucrada nun rodopío de probas e retos, nun contexto no que mestura con naturalidade os ámbitos do fantástico e o realista, apelando ao uso da intelixencia, algo que se demanda tamén á lectora ou lector xuvenil  que deberá ir solventando pequenas adiviñas para ir tecendo unha lectura capitular cabal e ordenada.

         Rocío Leira consegue, con este libro, situarse nese punto medio no que a paixón por contar unha historia se entretece coa paixón por demostrar, ludicamente, a utilidade do universo dos números. Ao meu ver unha proposta orixinal e ben interesante: parabéns!

PD. Máis información nestas ligazóns: Miro Villar (presentador do libro en Cee); unha entrevista en Fervenzas Literarias e outra n´O compás da Costa, ademais desta reportaxe no Zig-Zag Diario.