Manuscrito: Francisco Fernández del Riego ("Diario de guerra", I)

Cruzamos, como é ben sabido, o ano do centenario de Francisco Fernández del Riego e esta sección non pode deixar de atender, como merece, algunha mostra manuscrita do lembrado don Paco. Por cortesía dos responsables da Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego puiden acceder a algunhas mostras que irei difundindo ao longo dos vindeiros meses. Comezo cunha mostra, neste caso mecanografada, que me chamou poderosamente a atención por se tratar dunha obra inédita, que particularmente descoñecía, titulada Diario de guerra e que comeza no ano 1938. Ao pouco que puiden ver trátase dunha peza na que Francisco Fernández del Riego levantaba acta do acontecido e experimentado ao longo da súa incorporación na fronte militar nos tempos da guerra civil e, como se pode advertir, cunha notable pulsión literaria. Malia ser unha copia mecanógrafa dun -sospeito-  orixinal manuscrito previo, teño para min que é un texto de inequívoca valía e relevancia.