Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, de Roberto Pascual

Roberto Pascual

Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro

Xerais, Vigo, 136 páxinas, 10 €

 

A tres días da celebración do Día das Letras, como é ben sabido centrado na obra de Vidal Bolaño e mais na súa dimensión intelectual, o certo é que a habitual presenza de publicacións centradas na celebración viuse limitada, fóra da edición das Obras Completas a cargo de Edicións Positivas, ás achegas biográfico-literarias que subscribiron Camilo Franco, Laura Tato, Montse Pena e Gonzalo Veloso, Afonso Becerra (que aínda non tiven a oportunidade de ler mais respecto da que oín comentarios eloxiosos), alén de algún rescate textual e o presente Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro, que chega da man de Roberto Pascual. O certo é que todas estas publicacións, que conflúen na exhibición dun espírito divulgativo, sempre resultan operativas para descubrir voces talentosas como, neste caso, a do responsable deste volume que xa der a coñecer hai algún tempo libros como Palabra e acción. A obra de Manuel Lourenzo no sistema teatral galego (2006), 25 anos. Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (2009) ou Alén. Xaime Quintanilla (2010).

       Ao meu ver, cómpre destacar este estudo pois o autor amosa un discurso narrativo crítico e informativo, de carácter  fluído e intelixible, ao que lle dá forma a través da análise concienciuda e documentada do percorrido de Vidal Bolaño tanto no que se refire aos aspectos biográficos como aos estritamente literarios. Se brevemente tivese que salientar algunhas páxinas deste volume non esquecería as que se centran na presenza e actividades do autor de Rastros no seo da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; a análise cumprida e solvente tanto dos espectáculos dramatúrxicos nos que Vidal Bolaño  participou como autor ou director, alén doutros aspectos como os que denomina “monólogos e o oficio de bufón”, o labor que levou a cabo como escenógrafo  ou mesmo o rol que desempeñou como crítico literario, nun diálogo, constante, con achegas que sobre o labor teatral ou outros asuntos deixaron por escrito algunhas voces especializadas ou, por escrito, o propio dramaturgo este ano homenaxeado. Ao tempo incorpórase, na parte final do libro e como interesante complemento, unha breve escolma textual e unha presentación diacrónica das obras teatrais de Roberto Vidal Bolaño.

     Unha achega sintética, documentada e máis que satisfactoria verbo do universo Vidal Bolaño, imprescindible para saber máis sobre o dramaturgo e, por extensión, arredor das xustas razóns que levaron á RAG á decisión que adoptou para este maio das letras.