Accedín hoxe, non oculto que con emoción, a un exemplar dun libro moi devecido. Ao velo lembrei o que aseveraba nun chío a xornalista Carme Vidal, ao fío da noticia da aparición deste Manuel Lueiro Rey (1916-1990). A liberdade ferida, no que contaba unha fermosa historia: “Ese home é “escritor e comunista” dicía meu pai cada vez que Lueiro volvía a Fornelos. E eu, de nena, mirábao admirada”. Probablemente, de eu ser neno, de vivir en Fornelos e ver aquel home, se alguén me dixese que Lueiro era escritor e comunista pois miraríao admirado, sen dúbida. Non tiven a sorte, nin sequera, de tratalo, nin de asistir a ningún acto no que el estivese presente, pero si tiven a fortuna de coordinar este libro que quere ser unha actualización tanto do que Lueiro debe significar aínda hoxe como modelo de quen resiste en condicións adversas -velaí esa “liberdade ferida”- e defende con convicción os seus principios. Pero é que Lueiro, ademais, escribiu, e escribiu moito, e penso que non o fixo mal.
O libro parte dunha idea de Paco Lores, presidente da Federación de Asociaciones Gallegas de Buenos Aires e así cómpre recoñecelo. Sen a colaboración, e o apoio, da familia Lueiro, en especial de Marieta Lueiro, de Edicións Xerais de Galicia e, sobre todo, da xenerosidade desa media centena de persoas que quixeron formar parte deste proxecto o libro nunca vería a luz. Quero, pois, deixar aquí constancia da miña gratitude a todas as voces que participan nel, especialmente a dúas que xa nos abandonaron, pois a xestión do libro foi vagarosa, como foron as de Herminio Barreiro e mais Isaac Díaz Pardo, e tamén á memoria de Maruxa Lores, que planea recorrentemente, como non podía ser doutra maneira, en todas as páxinas deste libro.
Ao carón destes últimos hai palabras -ensaios literarios, perfís biográficos, poemas, narracións…- e deseños gráficos dun grupo de persoas ás que quero agradecerlles a súa xenerosidade, o seu traballo, a súa paciencia e comprensión. Velaquí os seus nomes na confianza de que a a memoria de Lueiro permitirá que cadremos e poidamos celebrar a vixencia do seu legado: Paco Lores, Manuel Bragado, Luís Cochón, Ramón Chao, Antonio Chaves, Gerardo González Martín, Modesto Hermida, Francisco López “Chesqui”, Basilio Losada, Manuel Lueiro Lores, Gustavo Luca de Tena, Xosé Luís Méndez Ferrín, Olegario Sotelo Blanco, Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández Rei, Luís Mera Naveiras, Francisco X. Fernández Naval, Gogue, Manuel Quintáns, Siro, Anxo Angueira, Fran Alonso, Marilar Aleixandre, Rosa Aneiros, Xosé C. Caneiro, Ramón Caride Ogando, Delfín Caseiro, Francisco Castro, Xoán C. Domínguez Alberte, Miguel Dubois, Xavier Franco, Xosé M. Eyré, Inma López Silva, Xavier López, Antón Lopo, Carlos Oroza, David Otero, Mariña Pérez Rei, Xesús Rábade Paredes, Baldo Ramos, Xurxo Sierra, Xosé Vázquez Pintor e Miro Villar. Beizóns.