Con Celso Emilio Ferreiro no CPI A Picota (Mazaricos)

Iago Castro, profesor do CPI A Picota de Mazaricos, en nome da comunidade docente na que traballa, convidounos a Luís Ferreiro, García Mc e mais a min a participar nunha xornada cultural e festiva do centro en honra de Celso Emilio Ferreiro. Os encontros que ao longo de toda a mañá mantivemos coa práctica totalidade do exemplar alumnado do centro resultaron inesquecibles  e non teño razóns para ocultar que en moitos momentos emocionantes.

     Alumnado e profesorado depositaron o mellor que puideron ofrecer nesta xornada como se espellou na paixón coa que os primeiros recitaron poemas, escenificaron outros e musicaron composicións de Celso Emilio. Luís Ferreiro desvelou claves da vida cotiá co seu pai e García Mc interpretou clásicos como “Deitado fronte ao mar” ou “Son un pasmón”, con esa forza e sentimento que sempre o caracterizaron, alén dese galano que foi  o “Rúa Arriba” pertencente ao seu último traballo “Abaixo e de pé” e que acabo de oír enteiriño grazas á súa xenerosidade: un marabilloso traballo musical, comprometido, intenso e que conta coas precisas doses de rebeldía e alegría.

            Unha aula do centro conta, desde hoxe, co nome de Celso Emilio Ferreiro. Volvemos a Vigo convencidos de que este lume que alampea xamais o imos ver morto. Grazas Iago, grazas  CPI A Picota: un modelo de escola pública dinámica, activa e implicada. Foi todo un pracer ir a ese lugar onde o mundo se chama Mazaricos (deixo abaixo un magnífico vídeo que prepararon ad hoc para os actos de hoxe: beizóns!!!!).