"E quen foi Roberto Vidal Bolaño?" (en Qué leer, nº 187, Letras galegas)

DE PRIMEIRAS, TRÁTASE DO DRAMATURGO (SANTIAGO, 1950-2002) A QUEN A REAL ACADEMIA GALEGA DECIDIU DEDICAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS DESTE MES DE MAIO

Roberto Vidal Bolaño, aínda que poida soar tópico, entregou a súa vida ao teatro galego. Esta foi a súa vocación e viviuna con tal intensidade que o seu legado constitúe un patrimonio colectivo que harmoniza a rica tradición teatral galega do século XIX coas diferentes sensibilidades da segunda parte do século XX ás que, dalgún modo, representa.
Desde os seus comezos, cando se lle encadrou na chamada “Xeración Abrente”, ata os seus últimos días, durante os que nunca deixou de escribir nin de traballar, a súa produción teatral constitúe o corpus máis completo da historia da dramaturxia galega contemporánea. Salienta non soamente pola cantidade de obras publicadas e representadas senón polo seu indiscutible talento, pola calidade que atesouran esas achegas. Con todo, a súa vinculación co teatro non se limitou á creación de propostas textuais pois os estudos sobre a súa obra e traxectoria coinciden en sinalar o seu papel pioneiro no ámbito da produción audiovisual galega, ademais de recordar o seu labor como actor, director de escena ou guionista.
A decisión da Real Academia Galega é acertada, penso, por xusta e porque Vidal Bolaño merece ser lembrado e homenaxeado pola súa inestimable contribución á cultura galega e, específicamente, ao teatro galego. Esta declaración autobiográfica condensa, ao meu xuízo, a súa personalidade e os seus obxectivos creativos: “Son un home…, un señor maior con sombreiro e bigote, que de xeito absolutamente irresponsable, persiste na estúpida manía de vivir por e para unha das profesións, hoxe en día, máis absurdas do mundo e, non obstante, por iso máis grandiosas”.

ESTUDOS E REEDICIÓNS

Máis ben escasa foi a contribución editorial neste “Ano Vidal Bolaño”. Así e todo, hai que deixar constancia dunha madrugadora monografía a cargo do crítico teatral e xornalista Camilo Franco: Dez obras na vida de Roberto Vidal Bolaño (Biblos), ademais dun completo estudo a cargo da profesora Laura Tato baixo o título de Roberto Vidal Bolaño. Unha vida para o teatro (Toxosoutos) e da edición das Obras Completas do autor, no seo dun ambicioso proxecto do que se responsabiliza Edicións Positivas, no que viu xa a luz o primeiro volume desta serie*. Non quero esquecer a posta en marcha da “Asociación RVB”: un colectivo que nace co obxectivo de promover a figura do autor compostelán e conformado, entre outras persoas, por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, X.M. Fernández Castro e Camilo Franco que xa puxeron un marcha unha interesante web (http://robertovidalbolano.org//).

Este artigo publicouse nas páxinas da revista Qué leer, nº 187 e na sección Letras Galegas. Ofrezo aquí a súa versión en lingua galega.

* Ao redactar esta colaboración non accedera aínda a outras achegas como as que se reflicten nun anterior apuntamento deste blogue.

1 Comment

  1. Despois dos anos de abundancia -e quizabes de excesos-, tamén eu boto en falta algo máis para alguén que dinamizou a escena galega nun tempo clave para o noso desenvolvemento cultura. Quédanos levar a escaseza á expresión do esencial.
    Apertas

Os comentarios están pechados.