Faneca Brava, de Manuel Portas

Manuel Portas

Faneca Brava

Xerais, Vigo, 2013, 280 páxinas, 18 €

 

 

Manuel Portas (Barcelona, 1960), quen ata agora xa incorporara dúas novelas anteriores ao panorama da narrativa máis recente, asume algo tan fundamental como é que cada novela debe ser distinta, malia que non esquece nin desatende trazos comúns que engloban e singularizan o seu propio camiño literario. Neste caso, en Faneca Brava, opta por artellar unha historia que, en esencia, repara nas dificultades que antes, como pode ser agora, unha muller perfilada como inconformista e rebelde desde nena,  ten que superar, no seu caso a base do propio esforzo persoal, caendo e erguéndose unha e outra vez. Isto é o que posibilita asistir ao desvelamento de claves e segredos alimentados ao longo do tempo no seo dunha familia, coa vontade de restituír a memoria de alguén que simboliza “o paradigma do infortunio e da inxustiza cruel e despiadada” pois, no fondo, a recuperación da historia dun elemento familiar conleva a da memoria colectiva do clan.

                Velaí como esa personaxe alcumada Faneca Brava ten que avanzar, na busca de algo máis, polas rodeiras da traizón, da mentira, da violencia, das aparencias sociais e da falsidade e faino ademais cunha banda sonora que resoa insistentemente en moitos dos seu capítulos.

              Desta proposta salientaría, particularmente, algúns elementos que me parecen moi atractivos. O primeiro tería que ver coa armazón, coa arquitectura da novela que entendo como un exercicio moi meditado e que deita  resultados óptimos pois vai da man do deseño dunhas personaxes perfectamente individualizadas e condicionadas tantas veces polas súas propias contradiccións. Por outra banda a intriga camiña parella ao ámbito da  investigación e articúlase con naturalidade dentro dun esquema coral que vén sendo o da saga familiar, cun inconfundible arrecendo a excepcionais precedentes cos que contamos na nosa tradición como os que ofreceron Otero Pedrayo ou de Ricardo Carballo Calero entre outros.

     Ao tempo, teño para min que resulta salientable o tratamento ficcional que nuclea arredor da protagonista. Un papel, o feminino, tantas veces sometido a un deseño pueril ou, o que é peor, transmisor de visións patriarcais. Portas foxe conscientemente destes modelos e faino aplicando unha consciente polifonía de actitudes e matices nos diversos personaxes femininos presentes nesta obra.

        Conclúo con dúas referencias que igualmente son merecentes de mención como resultan as páxinas que describen as relacións sentimentais, escritas ao meu ver con sensibilidade,  e o rexistro literario exhibido: fluído e acaído para a historia que se nos relata. É evidente que Faneca Brava, esa prima Concha, magmatiza como personaxe e magmatiza a súa historia, nela sóubose mesturar elementos que suscitan o interese dun amplo abano de lectoras e lectores que han gorentar unha historia que sabe a realidade porque, sen dúbida, fala da vida.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 18 de maio de 2013, baixo o título de “Contra as aldraxes”.