«Breviario», en Biblos. Clube de Lectores. Revista Galega de Información Literaria, nº 62 (maio-xuño 2013)

Esta última entrega de Biblos ofrece unha reflexións de  inequívoco interese sobre o relevante papel que xogan as Bibliotecas Escolares. Particularmente subscribo na integridade ese artigo que asinan Carmela González e Tucho Calvo, que me permito reproducir nos seus primeiros parágrafos:

<<Se falamos de tecidos básicos para a nosa cultura, desas redes que se asentan na totalidade do territorio e que garanten que os co…ñecementos e a creatividade cheguen a todos e se espallen e fructifiquen, sen dúbida cómpre dedicarlle un apartado moi especial ás bibliotecas escolares.
          É certo que, mesmo entre os colectivos de profesores, hai quen pensa que para atender a biblioteca dos centros destínanse as persoas menos capacitadas. Pero iso é así en tan poucos casos, que resultan insignificantes.
             A auténtica realidade, que desde Biblos coñecemos polo trato directo e persoal, é que a entrega de moitos responsables de biblioteca ou, no seu caso, dos equipos que as atenden, é tan absoluta como militante e que vai moito máis aló do que sería estritamente a súa obriga.
                  Aínda que, sen dúbida, os medios cos que contan (económicos ou de horas dispoñibles, que cada vez son menos e, ás veces, inexistentes) son determinantes no seu labor, o compromiso dese colectivo de docentes fai posible a existencia de moitos novos lectores desde as escolas infantís ao bacherelato, e aínda chegan na súa influencia a colectivos de pais e veciños agrupados en clubes de lectores.>>

              Pola miña parte reproduzo aquí a miña colaboración na sección <<Breviario>>:

1. Maio reclama a atención, inexcusablemente, arredor do Día das Letras e, nesta ocasión, deita unha ollada actualizadora á figura e obra de Roberto Vidal Bolaño: unha xusta  escolla que recoñece a relevancia do seu labor dramatúrxico e cultural. Achegarse  aos libros publicados nos últimos meses sobre o autor compostelán ou acceder ás  súas Obras Completas que está a editar Edicións Positivas sería un dos mellores recoñecementos que a sociedade lectora podería realizar como tamén o podería ser o de asistir a alguna representación teatral.

2. Non é menor a relevancia do outro foco de atención que suscita a celebración  dos 150 anos da publicación da primeira edición dos Cantares gallegos rosalianos. Sempre é tempo de ler a Rosalía mais facelo na edición que dispuxo Anxo Angueira hai escasas datas resulta, sen dúbida, unha fortuna.

3. Circulou, días atrás, un manifesto de apoio ás editoriais galegas que particularmente subscribín, como algún informe que advirte das serias dificultades que, arestora, está a atravesar o sector. Desde aquí vaia a miña adhesión a todo o que teña que ver coa defensa das nosas empresas editoras pois, sen o seu traballo e esforzo, case heroico nestas condicións tan duras que atravesamos, a dinámica do noso sistema literario transformaríase de xeito probablemente tráxico. Aínda é tempo de apoiar ás nosas editoriais.

4. Unha excelente maneira de materializar estes apoios é a que posibilita a celebración  das diferentes Feiras do Libro, que xa comezaron o seu percorrido por toda Galicia. Hai algunhas novidades no que se refire ao seu formato e actividades que convido a coñecer como tamén a asistir a algunhas das actividades que se organizan.

5.  Queda alguén sen ler Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño? De for así, un título avalado pola concesión de catro galardóns literarios distintos, todos eles de inequívoca relevancia e outorgados nun prazo de trinta días, creo que debería convencer de seu ás posibles lectoras e lectores arredor dos indiscutibles valores que este gran libro encerra.