Nicomedes o pelado, de Chinto & Pinto

Chinto & Pinto

Nicomedes o pelado

Kalandraka, Pontevedra, 48 páxinas, 13 €

 

O tándem creativo constituído por Pinto e Chinto deu, até o de agora, boas e constrastadas mostras da versatilidade, orixinalidade e interese a través das súas propostas artístico-literarias. Nese ronsel vén engadirse arestora Nicomedes o pelado: un libro ao que é imposible achegarse sen esbozar un sorriso na boca. Éo porque esta publicación, acomodada nun gran formato, transita polos eidos da ironía, do enxeño, da comicidade, beireando tamén, nalgunha medida, as estremas do nonsense. Neste ámbito agroman aquí e acolá, para solventar satisfactoriamente  un caso de alopecia que se quere disimular, solucións de corte imaxinativo e fantástico, insólitas e inesperadas que, sen dúbida, saben achegarse coa precisión e contención precisas para encher as expectativas dun público lector adulto ou máis novo, depositando, como tantas veces ocorre, a resolución en alguén que está moi preto  observando todos os intentos de simulación.

    Parabéns, unha vez máis, a Pinto & Chinto por estas luzadas de imaxinación e divertimento, entre as que non se agocha un pouso de reflexión arredor, xustamente, do insólito e o absurdo, sempre co humor por diante.