Rosalía pequeniña, de Uxía Senlle

Uxía Senlle

Rosalía pequeniña (ilustracións de Marina Seoane)

Galaxia, Vigo, 28 páxinas, 20 €

Nun ano como o presente, no que boa parte da atención mediática está felizmente ocupada pola figura de Rosalía de Castro, cumpría, entre outras achegas de extraordinario valor como o recente ensaio de Pilar García Negro (Cantares Gallegos hoxe) ou a exemplar edición de Cantares Gallegos a cargo de Anxo Angueira, ambas as dúas lecturas que aínda teño pendentes, outra como Rosalía pequeniña que reparase, por un lado, nesa música que paira de seu  nas propias composicións de Rosalía e que agora nos lembra e interpreta con talento e luminosidade Uxía Senlle nun cedé que se fai acompañar, en formato álbum ilustrado, da reprodución dos textos rosalianos,  xunto con fermosos  deseños a cargo  de Marina Seoane.  É esta, así pois, unha publicación dirixida  a un lectorado novo, con irrefutable utilidade no ámbito do ensino, mais non unicamente, pois pregúntome a quen non poden satisfacer as interpretacións musicais que aquí se recollen. Ao meu ver construídas desde as instancias dunha proposta alicerzada nunha rica pluralidade de ritmos e nun traballo colectivo no que se contou cos arranxos de Sérgio Tannus, xunto coa intervención de Magín Blanco, Sés, Guadi Gallego ou a Señora Carme por só citar algunhas das persoas e voces que por este proxecto circulan.

         Sendo un luxo esta Rosalía pequeniña goza aínda doutro que é de lectura obrigada, refírome ao breve, pero gorentoso, limiar de Begoña Caamaño, no que entre outros extremos sinala que  “Rosalía pequeniña sería hoxe, como daquela, unha nena guerreira, gustaríalle o rock tocado con gaita e vestiría de punki”. Rosalía sempre, sen dúbida. Parabéns polo proxecto, parabéns polo resultado final.