Biblio-grafías, de Pepe Cáccamo

Pepe Cáccamo

Biblio-grafías

Instituto Leonés de Cultura, León, 44 páxinas, 5,77 €

 

Non adoito ocuparme de catálogos de exposicións artísticas mais nesta ocasión debo facelo tanto pola singularidade dos seus contidos que exhibe como polo feito de proceder da vea artística dun gran poeta como é Pepe Cáccamo.

          Refírome, así pois, ao proxecto Biblio-grafías de Pepe Cáccamo, editado polo Instituto Leonés de Cultura, que reproduce as orixinais pezas artísticas, en tantas ocasións impactantes, que conformaron una exposición que até agora só se puido ver na cidade de León ao longo do mes de abril.

     Se os contidos da exposición, transmitidos a través das imaxes, resultan fascinantes non é menor o interese que suscita a presenza de textos ensaísticos ou poéticos, compañeiros de viaxe deste catálogo, realmente atinados. Velaí, así pois, un poema dese gran poeta fronteirizo e bo coñecedor da nosa lírica como é Antonio Gamoneda, que preludia o catálogo co poema “Aviso desvariado, ás veces cacofónico, pra o supremo inventor Pepe Cáccamo”  que conclúe en lingua galega, afirmando: “Saúde, / saúde infinitiva e que se fodan os pretéritos, / irmán incombustíbel, leviatán benquerido, ti, / Pepe / Cáccamo”.

      En efecto, Cáccamo redescóbrese aquí como inventor de obxectos e realidades, tanxibles, sospeitadas ou imaxinadas. Tal e como o propio autor revela tanto no prólogo titulado  “Material Metáfora” como  noutro texto bautizado como “Biblioteca y Taller”,  a filiación destas pezas inspíranse na “moderna tradición del surrealismo”, perpetuando a confianza “en el poder indagatorio de sus máquinas de visión”…,  Biblio-grafías son, xa que logo, “libros abertos” que veñen sendo “un texto objetual” inspirado en analoxías de diversa orde onde o imperio da Metáfora, agora con maiúsculas, serve para guiarnos por estes itinerarios: unha invitación para entrarmos na que chama “Biblioteca Hermética”.

     Alén de senllas colaboracións máis, da man de dous dos máis salientable críticos de arte como son Carlos L. Bernárdez – que subliña o posicionamento de Cáccamo alén dos muros das convencións sociais e no ronsel da poesía visual, a arte povera e a arte conceptual- e Marcela Santorum -que ofrece unha posible interpretación das pezas subliñando o aspecto lúdico que paira nestas expresións artísticas-, velaquí unha achega artística que sería fantástico poder admirala máis preto de nós. Oxalá así sexa nun futuro non moi afastado. Mentres, deixo abaixo a reprodución dunha das pezas que, particulamente, máis suxestivas me pareceron: “O telégrafo de Manuel Antonio”.