Manuscrito: Rosa Enríquez

Por esta bitácora pasaron as lecturas, non hai moito tempo, de Desobediencia e mais de Atlas de Chaguán de Rosa Enríquez. Hoxe volve transitar esta autora por aquí, na sección “manuscritos”, con tres mostras inéditas  que abaixo se reproducen.

      No que se refire á escrita, polo xeral, Rosa Enríquez emprega o ordenador para escribir poemas ou artigos, de xeito que as mostras manuscritas inferiores  “aínda sen evisar, forman parte dalgunhas reflexións que, de cando en vez, sen ter o ordenador diante, acoden á miña cabeza”.  Ao tempo, confesa ler case sempre cun caderno na man, onde escribe “fragmentos que me parecen interesantes das autoras ou autores que máis me atraen, ademáis dalgún comentario sobre as súas consideracións”.

       Para a autora do Vestíbulo da devastación, “este ritual de lectura é moi importante para min na medida en que me permite desentrañar a sutileza do pensamento poético existente non só na poesía ou na narrativa, e máis no ensaio. Ás veces, un só verso contén, ao meu ver, a sintese de toda unha escrita. É moi estimulante entrar neses recunchos e descubrir as constantes que constitúen o sustento esencial dunha obra”.

           No primeiro dos manuscritos reproducidos advírtense apuntamentos vinculados con Rilke, autora de quen admira “eses lugares anxélicos da soidade que habitaba, unha soidade vivida dende a infancia novelada minuciosamente no seu libro, Los cuadernos de Malte Laurids Brigge”, mentres que de Bataille subliña “as conexións entre seres, unidos tantas veces polo riso, amais deses buratos por onde todo penetra. Daquela, o feito de atopar o meu verso favorito dun/dunha poeta calquera, á marxe do que a crítica puidese ter destacado, faime sentir un pouco libre na lectura. Por poñer un exemplo, de Ferrín, de quen tanto se ten escrito e pensado, gústame moito a tenrura que se vislumbra nalgúns versos, dende o meu punto de vista, estremecedores e non sempre tidos en conta pola crítica, ou polo menos non tanto como esa potencia voluptuosa e política que se considera básica na súa escrita. Que me conmovan versos coma estes, “ Eu vin nos teus ollos/ lentos pólipos de silencio”,  ou estoutros, “Dime cun temor que escache/ a codia do pensamento/ que nos desune”, consegue que entre nun aspecto do suxeito poético que Ferrín poucas veces deixa ver. Gústame esta intromisión nese seu lado tímido que, malia fuxir do sublime, séntese profundamente seducido pola súa densidade”.

     Por último, afirma que “é a emancipación o que busco, pois pretendo ler  non só o que me gusta, mais ó meu xeito. Cos mínimos condicionantes posíbeis. Ás veces, é certo, déixome aconsellar por persoas que teñen lido moito máis do que eu, pero non sempre coincido co “veredicto” que infiro das súas suxestións”.

     O meu agradecemento á autora por compartir estes apuntamentos que, nas súas palabras, constitúen  “o cerne do que levo escrito”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.