Palestina e Goražde, zona segura , de Joe Sacco

Joe Sacco

Palestina / Goražde, zona segura (traducións de Rafael Salgueiro)

Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 296 e 240 páxinas, 20 € e 19 € (respectivamente)

 

            Colle pulo, ao meu ver cada vez máis intensamente, a presenza de interesantes novelas gráficas en lingua galega. Nesta ocasión cómpre reparar en dúas pezas de Joe Sacco (Malta, 1960), que chegan en acaídas traducións mercé o labor de Rafael Salgueiro.  Sacco, que colabora con tiras de xornalismo gráfico para revistas como Time ou Harper´s é, para moitas persoas, unha das referencias contemporáneas e indiscutibles dos últimos anos da banda deseñada pois no seu traballo é doado advertir unha orixinal harmonía entre práctica literaria e artística, achegándose por un lado á crónica xornalística e ao libro de viaxes por outra, asumindo como obriga a de denunciar e esporear as conciencias. As súas propostas, quen o dubida, constitúen ao mesmo tempo inestimables documentos para achegarnos, por exemplo, a como foi a guerra dos Balcáns ou como é o conflito de Gaza, sen obviar nunca a dureza implícita tanto nas imaxes como na inequívoca densidade das historias que relata.

PALESTINA

      Avalada por ser galardoada co American Book Award en 1996, a xénese deste libro, publicada orixinalmente nunha serie de nove cómics, remóntase ás experiencias vividas polo autor a finais de 1991 e comezos de 1992  xustamente nos denominados territorios ocupados, documentándose e pescudando con ollada xornalística a realidade dun conflito histórico sen resolver.

        O prólogo de Edward W. Said, profesor de literatura inglesa e literatura comparada na Universidade de Columbia ata a súa morte acontecida en 2003,  engadido cando Palestina viu a luz nun único volume, coido que é de lectura obrigada porque sintetiza, con claridade meridiana e en clave biográfica, o interese que encerra o xénero da banda deseñada e mais
porque disecciona as virtudes que se singularizan nesta publicación. Said denomina a Sacco como “artesán do cómic”, fala do seu virtuosismo e asevera que reflicte a “realidade existencial” que vive o palestino medio;  en efecto, Sacco retrata sen tabús a violencia devastadora e o sufrimento desde o lado das vítimas, alén de reclamar a atención cara a un conflito que semella, nos foros internacionais, non importa a case ninguén.

GORAžDE, ZONA SEGURA    

         Nunha dinámica semellante á que xerou o libro anterior, na metade da década dos noventa, Sacco viaxou catro veces a Goražde: un territorio que a ONU designara como “zona segura” ao longo da guerra de Bosnia. Desa experiencia naceu este libro, galardoada co Will Eisner pola Mellor Novela Gráfica Orixinal en 2001 e prologada por Christopher Hitchens. O volume recrea como a poboación de Goražde, maioritariamente musulmá e rodeada de forzas serbo-bosnias, opta por non abandonar a súa vila mentres no resto de Bosnia oriental se realizaba unha brutal e sanguinaria “depuración” da  poboación que non era serbia. Neste contexto extremo a novela gráfica repara no terrible asedio que alí se produciu mais non abandona outro vector temático como é o de recrear esa esperanza calada que atesouraban as persoas de carne e óso ao acreditaren que todo xa concluíra e que se sobrevivira a aquel cataclismo. Igualmente imprescindible.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 25 de maio de 2013, baixo o título de “Excelencia e compromiso en BD”.