Santiago Jaureguizar no Club de Lectura "Lendo no Galiñeiro" (IES Valadares)

Déronse, practicamente, por concluídas as actividades desenvoltas neste curso escolar no seo do Club de Lectura do IES Valadares (Vigo) coa visita, e posterior encontro, co narrador Santiago Jaureguizar.

     A desculpa foi a lectura de Amor de serea, a terceira entrega da serie protagonizada por Tintimán que, tras o seu paso por A Coruña e mais Compostela, recalou en Vigo para solventar un enigma relacionado cos galeóns de Rande.

     O autor lucense comezou por revelar algúns extremos arredor da lectura visual que realiza o ilustrador Matalobos para os seus proxectos narrativos para logo afondar na xénese desta serie narrativa orientada cara ao lectorado xuvenil e que radica na vontade de artellar unha aventura de corte clásico, co correspondente heroe e mais o seu contrapunto, neste caso feminino,  inspirándose nos personaxes de Tintín e mais Indiana Jones, que serviron para compor o seu perfil. Insistiu, asemade, na intención irónica, esperpéntica e ridiculizadora depositada nalgúns personaxes, alén da vontade expresa de dotar á narración dun ritmo áxil e fluído.

    Non resultou menos interesante o que atinxiu ás técnicas de construción empregadas na novela alén doutros elementos -os premios literarios, o xornalismo, as chiscadelas ao lector adulto…- que xurdiron nun rico e intenso diálogo final. Grazas a Jaureguizar pola súa presenza, grazas ás lectoras e lectores pola súa participación tan entusiasta.