Había un mundo de tempo que non asistía a unha presentación tan concorrida, fluída e emocionante como a que este pasado serán acolleu a Casa do Libro de Vigo. A razón era a presentación de Un rato díxolle á lúa: unha antoloxía poética que recolle parte do labor de García Teijeiro no eido da poesía infantil, desenvolto ao longo de vinte e cinco anos: o espello dunha traxectoria poética inacabada, lóxica e afortunadamente, pero abonda como para amosar o relevante papel que o autor ocupa, por dereito propio, na poesía infantil galega contemporánea.
Alegreime moito de ver feliz ao autor, a quen me une ademais unha compartida devoción pola obra de Celso Emilio Ferreiro, pois non era para menos. Non só pola abondosa afluencia de persoas a esta presentación, senón tamén polo acertado das intervencións de Manuel Bragado, subliñando a traxectoria global do autor; de Fran Alonso, responsable da escolla dos poemas e da edición; de Román Raña Lama, a quen lle correspondeu trazar breve e acaidamente os valores xerais da obra de García Teijeiro ou de Xosé Cobas, quen realizou un percorrido fantástico pola lectura en imaxes que realizou da escolma poética. Non esquezo, evidentemente, a presenza de Paco Ibáñez, responsable tamén da musicación e interpretación dalgúns poemas do escritor vigués que se incorporan nesta edición e que onte cantou e acompañou, á guitarra, o recitado dalgúns deles. Oír a Paco Ibáñez segue a ser unha experiencia fantástica e irrepetible; oílo cantando poemas en galego de García Teijeiro aínda máis. Unha gran presentación a de onte, quen o dubida, para min unha extraordinaria invitación para entrar o antes posible no “agasallo” que supón a edición deste libro.
1 Comment
Os comentarios están pechados.