Alexandros Papadiamandis (tradución de Susana Losada e Margarita Olivar)
Hugin e Munin, Santiago de Compostela, 144 páxinas, 15 €
Hugin e Munin publica A asasina, de Alexandros Papadiamandis, un dos narradores gregos máis relevantes e, lamentablemente, moi descoñecido entre nós.
Teño para min que hai máis razóns para se alegrar e valorar na súa xusta medida esta achega. Sobre todo porque a presente novela exhibe unha especial sensibilidade para afondar nas dimensións máis duras e extremas que sofre a muller grega, eu diría que a muller por extensión, pola única razón da súa condición feminina pois, entre outros elementos, resulta ben palpable o exercicio de denuncia que exhibe respecto dos comportamentos, socialmente asumidos, que naquela altura a sociedade grega manifestaba respecto da muller, condenándoa a ser privada da súa propia liberdade invidividual e a soportar, ao longo da súa vida, condicións infrahumanas que a sumía na máis absoluta das miserias moral e material.
A novela, de filiación naturalista e dotada dun ritmo dinámico, flúe da man dunha voz narradora que se limita a expor os feitos e que se asoma protagonizada por unha viúva de certa idade, chamada Khadula Frangoianú, que persegue a supervivencia nun contexto absolutamente desfavorable e que, na realidade, á forza de procurar unha saída, caerá nun rodopío homicida que modificará a súa vida chea de penurais por outra, agora marcada polos remorsos e por comezar unha fuxida cara a ningures.
Ao meu ver A asasina constitúe unha proposta moi recomendable. Parabéns por esta iniciativa e ás súas tradutoras polo excelente traballo.