Pasou onte polo Club de Lectura II do IES de Valadares o escritor Xesús Constela. O encontro, desenvolto no Espazo de Lectura “Celso Emilio Ferreiro”, centrábase nun principio en diversos aspectos que podería suscitar a lectura de 15.724 pero, na realidade, sobordou con moito os límites que podería suxerir un faladoiro sobre este título.
Constela é unha persoa, antes que escritor, extraordinariamente cordial e locuaz e se a isto se lle engaden algunhas suxestións que axuden a procurar os camiños do diálogo é doado comprender como o encontro se estendeu case ao longo de dúas horas e media. Compartiu o escritor ferrolán, así pois, moitos segredos do que se podería chamar a súa “cociña literaria“, alén de desvelar algunhas claves das súas anteriores novelas e dos seus comezos como tradutor, chegamos a 15.724, respecto da que revelou elementos da xestación da novela como a documentación manexada e mais as fontes de inspiración que serviron para perfilar personaxes como “Gordo” ou o esposo de “Mamá Monte”, por citar un par de exemplos.
No Club de Lectura soubemos o que, doutro xeito, talvez sería imposible como as razóns que levaron a Constela a escoller a imaxe da ave durmida ou o armadillo como símbolo; desvelou as dificultades que supoñen para el tanto a escolla dos títulos como dos nomes dos personaxes alén de confesar as fontes empregadas para construír o discurso ampuloso e cheo de naftalina que empregan os xornalistas. Non esqueceu, tampouco, confesar as claves dunha novela alicerzada nese punto exacto da ficción e realidade, no xogo de catro voces narrativas e mais na relevancia que pode adqurir un final conscientemente aberto a diversas posibilidades interpretativas.
Loxicamente falouse da aplicación da pena de morte, deses 88 países do mundo no que está aínda en vigor e onde se executan persoas todos os meses e por veces cada semana; das historias que inspiradas na realidade pairan por este libro. Sumóuselle a todo o dito, numerosos sucedidos reais, entre os que ocupou un espazo significativo a maravillosa intrahistoria da fotografía da cuberta que vén da man de Anxo Cabada (autor tamén das fotos deste apuntamento). Así pecháronse as actividades do Club deste curso escolar. Até o vindeiro e beizóns a Xesús Constela por todo o que contou e pola simpatía coa que o contou. E agardamos xa por esa Apoteose das perchas!
Moitas grazas, de corazón, polas túas palabras. Foi un inmenso pracer para min poder compartir con todos/as vós as nosas visións de 15.724. Nunca cansarei de dicir que o momento de escribir é, necesariamente debe ser, un momento moi solitario, e non hai nada máis grande para quen escribe que poder pasar un grato, moi grato, momento cos lectores. Grazas!
O pracer foi o de todas e todos os membros do Club. Unha aperta e aquí tes a túa casa.