FALAMOS CON ALEJANDRO TOBAR TANTO SOBRE O SELO QUE DIRIXE, CO SEU PARTICULAR SISTEMA DE PUBLICACIÓNS, COMO ARREDOR DA SÚA TAREFA PROFESIONAL NO CAMPO DA TRADUCIÓN
Alejandro Tobar (Lugo, 1983) realizou unha incursión na narrativa co título de Cremalleiras (Tris Tram, 2008) e na actualidade exerce de tradutor, ámbito no que verteu ao galego títulos de Arthur G. Clarke, Bukowski, Edgar Wallace, Mark Twain ou Óscar Wilde. Ademais, hai dous anos, puxo en marcha a editorial Hugin e Munin, que el mesmo dirixe.
-Que o impulsou a se aventurar nun proxecto editorial?
–A tradución de literatura estranxeira ao galego é un campo apenas cuberto a nivel empresarial. En consonancia coa proposta de campo literario de Bourdieu, quixen situarme no subcampo da produción restrinxida, xa que o da gran produción goza de pouca autonomía, ao se guiar polo beneficio económico, que é o que articula o campo do poder, onde os produtores se miden segundo o éxito comercial e a notoriedade social e se dá primacía aos artistas recoñecidos polo gran público. En troques, no da produción restrinxida, existe maior autonomía, e o beneficio económico queda nun segundo plano; os produtores mantemos unha forte independencia respecto da demanda maioritaria.
-Por que a especialización no universo das traducións?
-Porque considero esencial a importación doutros imaxinarios á literatura que se produce en galego. Obviamente, non ignoro a necesidade dunha normalización en lingua galega e por ética e dignidade estou obrigado a, na medida das miñas posibilidades, participar dela.
-Como singularidade este proxecto alicérzase nunha base de subscriptores…
-Hugin e Munin, neste ano e medio de existencia, publicou os 12 títulos previstos. A diferenza doutras empresas, a nosa planificación é ríxida e apenas permite cambios, dado que funcionamos como un club de lectura e isto significa que temos un compromiso cos subscritores. Esta base de abonados permítenos elaborar un plan de publicacións realista, non só no económico, e publicarmos non máis pero si mellor, é dicir, comprar dereitos: a metade da nosa produción. Publicamos 8 libros por ano, 2 por trimestre. Os subscritores pagan unha cota anual de 116 euros e non saben que títulos recibirán. O lector deposita a súa confianza nos criterios da editorial.
–O catálogo incorpora xa voces estranxeiras contrastadas. Cal é o proceso de elección dos títulos?
-Están excluídos os éxitos de vendas sen auténtico interese literario, é dicir, case todos. Trátase de obras singulares que polas leis do mercado teñen difícil cabida noutras empresas máis comerciais. Procuramos diversificar as linguas de orixe, mais sen caer no exotismo; as nosas obras, sempre narrativa de ficción, entendemos que son referenciais, ben no xénero, ben na época ou ben na bibliografía do propio escritor, quen tamén debe ser unha figura destacada.
-Como ve a tradución en Galicia?
-Respondería rotundamente que moi mala. Gáñase ben máis como garda-xurado na Deputación de Ourense. As tarifas pactadas non sempre se respectan, ás veces non somos citados nos créditos nin informados das liquidacións anuais. Existe unha patente falta de control do proceso de creación: libros que non se revisan, exemplares que non recibimos, cambios non pactados no texto final, prazos incumpridos, urxencias non pagas, etc. Con todo, eu nos últimos meses estou a ter moita sorte, se cadra por traballar con empresas de fóra de Galicia que tamén publican en galego, como Vicens Vives, a cal non leva a cabo ninguna desas prácticas.
Esta entrevista publicouse nas páxinas da revista Qué leer, nº 188, na sección “Letras Gallegas”. Ofrécese aquí a versión orixinal e íntegra en lingua galega da mesma.