Viaxes de inverno, de María Canosa e Dani Padrón

María Canosa

Viaxes de inverno (ilustracións de Dani Padrón)

Everest Galicia, A Coruña, s/p, 2013.

Teño a convicción de que nos argumentos sinxelos -ou cando menos aqueles que nos parecen sinxelos porque hai detrás un indiscutible labor de puimento e esforzo- radica en moitas ocasións o acerto dunha proposta de calquera xénero. Xustamente esta foi unha das lecturas que tirei deste Viaxes de inverno, de María Canosa, impecable e atractivamente ilustrado por Dani Padrón e publicado por Everest Galicia.

    O volume, editado en gran formato e dirixido para quen xa goza de certas habilidades lectoras, evidencia os dotes que para a literatura infanto-xuvenil atesoura María Canosa, espellados, neste caso, na estrutura itinerante, de mans dadas cun proceso de aprendizaxe que adopta o percorrido imaxinativo dunha sinxela pinga de auga chamada “Inverno”, con ganas de aprender e coa ilusión de coñecer o mundo. Inverno, deseñada con agarimo e dozura,  goza dunha vida propia, sempre atenta ao que a rodea, desde os seus comezos ata a súa readaptación final ao medio natural, espazo no que se desenvolve a totalidade do argumento.

          Velaí, en conclusión, unha sorte de fábula singular, atractiva e fluída, onde non é menos relevante a súa aplicación didáctica formulada tanto na invitación implícita para coñecer as diversas estacións do ano como na presentación das diferentes paisaxes do mundo. Parabéns á autora e ao ilustrador por este proxecto.