Trinta primaveras

As páxinas de información cultural de La Voz de Galicia de hoxe incorporan un breve artigo de opinión arredor do significado que teñen para min os premios Xerais. Pódese consultar premendo aquí e permítome tamén reproducilo abaixo.

Moitas persoas comparten a idea de que, sen o Premio Xerais de Novela, o discurso narrativo galego dos últimos trinta anos non sería o mesmo. A afirmación non desdí do labor referencial que outros galardóns veñen significando, mais o Xerais, cun xurado constituído por lectores non profesionais, patrocinado por unha empresa editorial privada e que fai da entrega do galardón unha cita literaria plural e festiva, é singular. Por todo iso sempre entendín este galardón como unha illa-faro que ilumina mares do coñecemento e da lectura, operativa para iniciar singraduras desde San Simón, no centro da ría de Vigo, cara a Galicia toda e máis alá porque, hoxe como onte, este premio se incardina nese espazo que nos singulariza no mundo logo de que un trobador escribise unha cantiga nunha lingua que xa non era a latina e, así, prendese a mecha dunha tradición literaria que é un dos nosos máis valiosos patrimonios.

      Asomarse aos textos galardoados na historia deste premio posibilita reparar como a nosa narrativa evolucionou e se modernizou nos últimos anos, cal é a súa pluralidade, cal a súa vitalidade. O seu percorrido é unha crónica imprescindible da última andaina da nosa literatura. É toda unha sorte que algo así ocorra entre nós. Parabéns a quen o ideou hai anos e grazas a quen o fixeron e o fan posible hoxe en día. Outras trinta primaveras máis para o Xerais.

5 Comments

  1. Pingback: PÉS ESPIDOS

Os comentarios están pechados.