A lus do mundo: o poeta Díaz Castro desde o IES de Guitiriz

Unha amiga faime saber da existencia deste interesante vídeo que circula desde hai pouco tempo pola rede e que artellou, con eficacia e bo facer, a comunidade docente do IES de Guitiriz que leva o nome do autor de Nimbos. A min pareceume unha proba máis do extraordinario traballo que se leva a cabo no ensino público, non sempre recoñecido.
Co pano de fondo da xusta reivindicación da figura e mais do legado de Xosé Díaz Castro o vídeo permite asomarse, con axilidade, a algunhas das claves literarias e vitais do autor mercé ás palabras de Alfonso Blanco Torrado e da miña querida Marica Campo. E non  quero esquecer o magnífico fondo musical que o acompaña ás imaxes. Parabéns a quen ideou e se responsabilizou deste proxecto tan fermoso.