Xabier López: "En Cadeas o lector ten que tomar parte"

Xabier López pasou, nos últimos tempos, en varias ocasións por esta bitácora. Aínda non hai moito tempo pola publicación de dúas traducións de obras escritas orixinalmente en lingua galega e mais por dar a coñecer unha novela xuvenil. Hoxe volve transitar por esta bitácora para dialogar arredor do orixinal que resultou galardoado na XXX convocatoria do Premio Xerais de Novela e desvelar algunha das claves que esta proposta encerra. O meu agradecemento a Xabier López pola súa colaboración.

Cando nace Cadeas como proxecto narrativo?

-Dende o punto de visto “conceptual”, poderiamos dicilo así, ao pouco de publicar o meu último título para adultos, a finais do 2010, e refírome ao volume de relatos Os libros prestados. Nese momento preguntábame, nunha serie de reflexións “cibernéticas” sobre o propio libro, se a nosa vida, as vidas todas, non poderían explicarse coma “unha suma de relatos”. O traballo “material” demorou unha miga máis, mais o lévedo xa estaba aí…

A novela parte dun plan deseñado ou  nela se foron engadindo partes diversas?

-Houbo plan, houbo. Aínda que como todos os plans que queren chegar a algures, revisouse unha ducia de veces. Escribir é un proceso no que tanto conta a adición, a suma, a achega, coma o puro e duro “recorte”. E de todo houbo, xaora: achegas, supresións e, ás veces, estraños concertos entre unha cousa e outra.

– O xurado cualificouna como “novela de novelas”… Hai nela unha vontade de diluír fronteiras de xénero?

-Pois non o sei, a verdade. O que si podo dicir é que maneiras de contar as cousas hai un cento, e ás veces estamos ata as cellas -e digo como lectores- de que nolas conten da  mesma maneira. Se as fronteiras non se rematan por esluír, cando menos intentei facelas o máis porosas posibles…

 -Tamén se subliñou a pluralidade temática e estrutural. Podíase talvez dicir o mesmo da túa traxectoria narrativa ata agora.

-Seguramente. Non teño demasiada seguridade de que iso sexa “bo” (cando menos  comercialmente falando) mais penso que se en cada nova achega un non se impón certos retos, a literatura (o que sexa) remata por perder a partida.

-Apuntouse que prefiguras un lector ou lectora activa, que debe participar na propia historia…

– Ben. Estamos xa no século XXI. O lector xa non é nin pode ser ese lector pasivo dos tempos dos folletíns e das novelas por entregas. Ten que tomar parte. Decidir. “Escribir” el tamén, se podemos dicilo así. Ora que neste caso, e aínda que pareza un lugar común, creo que conseguín establecer dous niveis de lectura distintos: un máis convencional e outro máis arriscado en canto activo. Sei que pode parecer contraditorio con todo o que dixen ou se dixo sobre a novela, mais, en certo modo, é unha novela para “todos os públicos”.

-Confesaches que Cadeas era, para ti, unha proposta pouco convencional e víaslle escasas opcións no premio. As sorpresas tamén existen…

-O que si gabei, e debo volver facelo, é a valentía dun xurado nuns tempos nos que, por desgraza, a literatura e o mundo editorial, a forza de sufrir reveses e outros ataques, está a virar demasiado conservador. As miñas palabras deben ser interpretadas nese sentido.

Entendín, no teu discurso de agradecemento, que na novela circulan personaxes “reais”: Dieste, Manuel-Antonio e se cadra outros… Cal é o seu papel?

-Entendiches ben. Na novela existen personaxes anónimos (e ficticios) e outros reais (aínda que ficcionados) porque a vida, e xa que logo a novela (sexa o que for) creo que se atopa en relación directa cos conceptos do modelo, do dobre, do espello… de aí esa “estraña” convivencia que apuntas. Cando mencionas a Dieste e a Manuel Antonio… Son o único que os ve, malia ser bos amigos, como auténticas figuras “antagónicas”? Á marxe da fascinación que poidan causar a/s súa/s vida/s e obra/s, creo que representan dúas formas ben distintas de estar na vida e na literatura. (Equivócome ao ver a Dieste coma o irmán maior?). Ora que as dúas formas fracasan, claro; de igual xeito que a novela, como tal, se atopa en relación de fracaso coa realidade, o mesmo pasa nese proceso de construción identitaria en que os dous están embarcados dunha maneira ou outra.

Van varios premios colleitados na túa traxectoria. Ten este algo de especial?

-Dende logo que o Xerais ten algo especial. Medrei lendo premios Xerais (dende ese distante BUP do que xa poucos se lembran) e agora que cumpren trinta anos, ver o meu nome aparellado a unha efémeride coma esa… Penso que é un bo estímulo para seguir facendo… o único que en verdade sei facer.