O mundo que teño de meu, Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro

O mundo que teño de meu

Galaxia, Vigo, 272 páxinas, 20 €

 

Espléndida resulta esta recuperación das prosas cunqueirianas en lingua galega dispersas en xornais e revistas até o de agora.  Valoro especialmente este libro pois, particularmente, sei do traballo que  implica a procura de textos esquecidos en  hemerotecas, bibliotecas e arquivos, a súa organización ou edición e, ao tempo, penso que estes esforzos resultan imprescindibles para emitir con solvencia xuízos globais sobre o percorrido literario de autores de noso. Unha achega máis relevante no caso de Álvaro Cunqueiro pois malia seren abondosas as recollas realizadas do seu paso como colaborador xornalístico en castelán, eran mínimas no que se refería á súa obra en galego.

         Foron, pois, Iago Castro e Xosé-Henrique Costas os responsables, nesta ocasión, da edición e ordenación destes textos que abranguen o publicado en lingua polo mindoniense entre 1930 e 1980, recollidas maioritariamente das páxinas de Vallibria, Galiza, Yunque, El Pueblo Gallego, Nós, A Nosa Terra, Nordés e Grial, o que converte esta achega nunha ferramenta indispensable operativa para iluminar aspectos biográficos do autor e desvelar algunhas claves que dominan a súa obra poética, narrativa e teatral, alén da súa precoz actividade como tradutor.

Resulta unha experiencia fascinante internarse nestas prosas que evocan a vida dun escritor na que o xornalismo foi unha práctica, e unha querenza, irrenunciable. Por ela transitou sempre exhibindo talento e orixinalidade como se amosan tanto nos artigos de preguerra, onde serpea pola acusada preocupación no que se refire tanto ás vangardas –literarias e artísticas en xeral– como aos textos de análise politíca; sen esquecer os de posguerra onde sobrancean  asuntos de carácter máis evocador e estritamente literario.

        Este volume, ademais, é una miscelánea na que tamén se atopan exercicios de tradución, gromos de novelas ou mesmo artigos de opinión. De todos eles, e esta é unha lectura persoal loxicamente, sorpréndenme as pequenas pezas de crítica literaria que Cunqueiro esparexe aquí e acolá pois eses textos, que revelan ao tempo as súas filias e fobias literarias, transmiten un caudal sorprendente de lecturas de toda orde, de autores galegos ou non realmente, onde é pasmoso como alguén tan novo é dono dunha bagaxe cultural extraordinaria como revela a confluencia de universos, eses xogos ou acrobacias fantásticas que unen a Lorca con Hölderlin, a Amado Carballo con Kipling, a Manuel Antonio con Supervielle ou Otero Pedrayo.

             Deste libro gústame todo, desde o indiscutible acerto que supón o seu título –tirado dun artigo indispensable do autor publicado na revista Grial– pasando polos acaídos criterios de edición aplicados ata o auténtico significado que supón este traballo para facilitar o acceso ás prosas dun dos nosos grandes autores: aquel Cunqueiro que se definía en 1935 como un poeta que andaba “a ser personaxe exento”, pertencente a aquela estirpe dos que tiñan “no regosto do padal a ágoa anterga da nosa lingua amante”; aquel Cunqueiro para quen escribir era: “coma despreguizarse, saír ás rúas ou aos campos, buscar abandonar a monotonía dos días”. O libro contén moitas máis destas marabillas: é só cousa de buscalas.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 8 de xuño de 2013, baixo o título de “Enorme Cunqueiro”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.