Antonio Manuel Fraga, premio Merlín 2013: "A historia chegou a absorberme case por completo"

Dialogamos con Antonio Manuel Fraga, gañador do premio Merlín de literatura infantil 2013 coa obra O castañeiro de abril.

Cando comezaches a idear a novela?

-Pois entre finais do verán do 2012 e comezos do outono. Viña de rematar Xildas, a miña primeira novela destinada ao público infantil, e estaba tan contento pola experiencia que non tardei en enrolarme nun novo proxecto dentro do mesmo xénero.

Na súa redacción pensaches, a priori, nun lectorado específico?

-Inicialmente pensei, á hora de confeccionar un primeiro esqueleto da obra, nun traballo destinado a nenos de entre 10 e 11 anos, mais segundo a historia foi medrando penso que a gama de posíbeis lectores foise ampliando a case calquera idade, ou, polo menos, esa foi a miña intención.

– Foi demorado o proceso de elaboración?

– Pois si foi un traballo ao que lle dediquei moitas horas. Ao principio impúxenme unha disciplina para sacala adiante, mais despois tiven que imporme o descanso en moitas ocasións, porque a historia realmente chegou a absorberme case por completo.

Sinalaches que n´O castañeiro de abril foxes do edulcorado á mantenta, á marxe de concretas franxas de idade…

-Si, quixen protexer a obra de min mesmo e non dulcificarlles aos rapaces cousas que irían en detrimento do propio valor da historia. Acho que é moi sinxelo acadar empatía cos personaxes, principalmente con Baltasar, o protagonista, e se iso é así, en gran medida é pola dignidade e valor co que afrontan as distintas vicisitudes que lles xorden.

Tamén resultou gabada polo xurado a forma da novela, o nivel de expresión. Algo fundamental para calquera obra?

-Alegreime especialmente de que iso fose tido en conta, porque tentei ser todo o coidadoso posíbel nese aspecto. Como persoa cuns estudos técnicos e afastados do eido da lingua, procurei ser o máis respectuoso posíbel no seu uso. Gustei da metáfora do canteiro traballando a pedra que empregou o xurado, porque tentei que os meus golpes co cicel fosen o máis precisos posíbeis.

No ámbito da LIX galega e internacional, no caso de telos, cales son os teus referentes?

-Semella moi manido dicir isto, mais a nivel internacional o meu principal referente é Roald Dahl, porque consegue que goce como un raparigo cada vez que releo algún dos seus libros. A nivel galego hai moitos, mais se teño que ficar cun nome talvez sería o de Agustín Fernández Paz tamén polo moito que teño gozado coa súa obra.

-Como vas encaixando obter un premio referencial na LIX galega?

-Pois é agora, días despois, cando comezo a asimilalo. Ver o teu nome ao final da listaxe de gañadores do Merlín dá auténtica vertixe. Estou moi feliz.

1 Comment

Os comentarios están pechados.