Algún xantar compartido logo de deliberarmos nun xurado literario, algúns saúdos máis ou menos fugaces no transcurso dalgún acto literario, algunha conversa por correo electrónico son os momentos que me unen a Marica Campo, abeirados á situacións marcadas, sempre, pola sinceridade e agarimo que exhibe e en tantas ocasións espallando, sen que talvez ela se decate, un envexable ronsel retranqueiro, paréceme que de cerna montañesa. Iso é o que me une persoalmente a Marica Campo a quen coñezo, penso que moito máis, polo que vén escribindo desde hai xa tantos anos. Marica Campo regálanos, en doses espazadas, auténticas alfaias narrativas, poéticas ou teatrais que, particularmente, como lector e como crítico literario estimo moito porque nacen dese xuntoiro que é o talento e esforzo creativo, da man no seu caso dun compromiso irrenunciable coas mulleres de noso e do mundo, coa lingua de noso, coa cultura e a nación de noso.
Lamento non poder participar mañá nesa homenaxe, de certo que intensa e conmovedora, que se lle tributa nas terras do Incio e Val do Mao baixo o nome de <<A escritora na súa terra>>, recoñecemento instituído con fortuna pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. De non estar comprometido con anterioridade noutro acto, feliz para min, alí estaría sen dubidalo. Beizón, Marica!