O día da entrega dos premios Xerais e Merlín, na illa de San Simón, Tati Mancebo e Alfredo Ferreiro, no nome de Algueirada, convidáronme a responder algunhas preguntas arredor da crítica literaria en Galicia. As respostas están no vídeo acaba de colgarse no arquivo audiovisual do blog, e no propio blog, da editorial viguesa, a quen lle agradezo a atención e que reproduzo abaixo.
Sen ánimo de polemizar e, se así se se entende fágoo coa máxima cordialidade, sigo a acreditar que, hoxe por hoxe, o verdadeiro diálogo co público, relativamente escaso nos blogs galegos orientados á crítica literaria pero moito máis vizoso nas redes sociais, é xustamente neste espazo onde resultados máis tanxibles presenta. Aínda diría máis, a crítica, a información literaria e cultural que se deixa ver nos blogs literarios galegos, implica a posibilidade de abrir espazos de debate, subministrar información ou orientación que, ao cabo, constitúen elementos que vivifican e singularizan o noso sistema literario. Teño para min que son unha ferramenta indispensable para, desde a particularidade da nosa literatura, visibilizarnos e estarmos no mundo. A aprobación do dominio punto.gal esta semana pasada, dalgún xeito, supón un incontestable avance nesa presenza colectiva da lingua, da crítica e mais da cultura galegas na rede.
Acabo de escoitar as túas declaracións no Premio Xerais. Parécenme moi acertadas. Parabéns!
Moitas grazas. Unha aperta.