Máis sobre a crítica en "Redes sociais e industrias culturais"

Parece que esta foi a semana de reflexións sobre a crítica. Amais da intervención gravada no seo da concesión dos Premios Xerais,  mentres  respondía unhas preguntas arredor da crítica para unha reportaxe que aparecerá nun xornal galego, infórmanme da publicación de Redes sociais e industrias culturais, que se pode baixar gratuitamente nos formatos  pdf // epub // mobi desde a páxina web de elcorreogallego.es. Teño a sorte de incluír aquí o relatorio que defendín no Foro Unirede 2012, nunha sesión compartida con Francisco Castro e Tati Mancebo da que conservei a foto superior. As miñas son reflexións ao fío da literatura galega na rede onde respondín a unhas cuestións formuladas por Arantxa Serantes,  coordinadora daquel Foro e deste mesmo libro.

     Teño para min que este libro, orixinal e novidoso na súa concepción, contén interesantes reflexións sobre as relacións entre redes sociais e industrias culturais e posibilita obter diferentes puntos de vista subscritos pola propia Arantxa Serantes,  Marcus Fernández, Francisco Castro, Ledicia Costas, Elena Gallego, María Solar ou Quique Alvarellos entre outras persoas.

     Os meus parabéns a Arantxa Serantes por coordinar aquel Foro, agora reflectido nesta publicación que, naturalmente, atopou un acobillo acaído nun e-book distribuído gratuitamente na propia rede. Grazas.