FerrolAnálisis, nº 27

VV.AA (dir. J.A. Ponte Far)

Ferrolanálisis, nº 27.

Club de Prensa de Ferrol, 352 páxinas, 18 €,  Ferrol, 2013.

Recibín, hai xa un par de meses, a última entrega dunha revista á que me teño referido noutras ocasións como absolutamente singular e única no seu xénero. Falo de FerrolAnálisis, que acada a súa vixésimo sétima entrega mantendo o espírito que a domina desde os seus comezos, isto é, incorporar contidos que teñen que ver con asuntos de cerna local, vinculados con Ferrol e os seus arredores e, ao tempo, atender a cuestións de carácter variado e de fondo social, cultural, literarios ou de pensamento sempre dispoñen do seu espazo.

    Interesoume especialmente este número porque lle dedica atención á figura de Celso Emilio Ferreiro no seu centenario, e agradézolle especialmente a Luís Mera a invitación que me cursou para participar cun texto que explora as dimensións xornalísticas do autor de Celanova e que ademais se acompañan dunha interesante colaboración subscrita por Xoán Rubia arredor da actividade de Celso Emilio como “letrista da nova canción galega”. Outros artigos de filiación literaria, altamente documentados e informativos,  son os que asinan J.J. del Águila, Julia Uceda e José A. Ponte Far sobre a figura do poeta Pepe Hierro.

    Máis de corenta colaboracións, en fin, estruturadas nas seccións arte e arquitectura, comunicación, a amentada de literatura, pensamento e política, historia, perfís de Ferrolterra, defensa e seguridade ou Curso Gurméndez, completan esta entrega de FerrolAnálisis, revista cada día máis precisa pois con ela tamén se loita contra o descoñecemento, sempre a prol da difusión do pensamento e da cultura.