Con Lueiro Rey no Grove

Hai ben de anos que, para min,  cada visita á vila do Grove se relaciona, dun xeito ou doutro, con Manuel Lueiro Rey. Tras algún tempo de ausencia por diversas razóns onte, por fin, volvín por mor da presentación do volume Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida que se desenvolveu nunha sala ateigada de público na Galería Besada. Esta sala, para quen non a coñeza, é un espazo magnífico e acolledor, unido á que é unha das librarías máis antigas de Galicia e que fora noutro tempo unha activa imprenta; hoxe, dirixida con solvencia e profesionalidade por Carlos A. Besada, non é difícil intuír que leva camino de se converter nun dos núcleos de irradiación cultural máis salientables da vila.

       Teño para min que o máis relevante do serán, alén das atinadas palabras de Manuel Bragado, Luís Cochón e Xesús Alonso Montero que alí se pronunciaron,  foi testemuñar como a palabra de Lueiro segue a convocar, unanimemente, a lembranza, o respecto e a devoción de moitas persoas, como fun quen de confirmar a través da coordinación deste libro homenaxe que onte se presentou.  Lueiro foi un exemplo de dignidade persoal e, ao tempo, autor dunha oceánica e intensa obra que cómpre difundir.

     Beizón a todas as persoas que asistiron,  aos amigos que se responsabilizaron de falar deste libro, aos colaboradores do mesmo que asistiron en bo número e,  en especial, á familia Lueiro, sempre en primeira fila na difusión do legado do autor de Manso, sempre garimosos, tripando os mesmos camiños que abriu Maruxa Lores de Lueiro, cuxa memoria pairou con recorrencia naquelas paredes. Grazas, por último, a Carlos Besada por convidarnos a compartir o seu espazo e polo galano dunha evocadora pintura que reproduce a Casa da Torre, hoxe desaparecida, aquel lugar onde viviu Lueiro tantos anos (foto superior: TodoGrove, M. Muñiz; foto da esquerda: Manuel Bragado).