Con Lueiro, en Pontevedra

Foi outro agradable serán o que tiven a sorte de vivir onte na cidade de Pontevedra. Os amigos da Libraría Paz acolleron xenerosamente unha nova presentación do volume Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida, na que participamos Manuel Bragado, Luís Cochón e mais eu.

       A libraría Paz (a quen tamén agradezo a foto superior) realizou en Facebook unha completa crónica do acto que reproduzo a continuación:

 “Dende onte e grazas a Luís Cochón, Ramón Nicolás  e Manuel Bragado coñecemos un pouquiño máis a Manuel Lueiro Rey. Nas súas intervencións falaron da súa obra e da súa vida desde diferentes perspectivas e todos coincidiron na admiración, o respecto e cariño que Lueiro Rey espertou neles.
Bragado falounos daquel primeiro encontro con Maruja Lores, a viúva de Lueiro, onde empezou unha relación editorial e persoal ben interesante arredor da figura do escritor e humanista comprometido. Ramón Nicolás contounos que tres follas redactadas por Lueiro Rey onde facía un resumo da súa vida foron o inicio de “A causa Lueiro”, a súa particular viaxe de coñecemento pola obra e vida do autor. Dixo que este libro foi posible grazas a tres piares fundamentais que son Paco Lores, Xerais e a familia Lueiro, e tamén á colaboración das 50 persoas que participaron nesta homenaxe. E para rematar as intervencións Luís Cochón compartiu con nós anacos da vida do escritor, algúns dos que el mesmo fora testemuña e/ou partícipe. Neste relato emocionado falounos do Manuel que non se sabe se é mellor poeta ou narrador pero do que non se podía dubidar da súa honradez por demais, da súa entrega en determinadas causas, do seu non admitir nin corruptos nin corruptelas baixo ningún punto de vista… “Manuel é testigo da vella lexitimidade dos homes de ben da República”, dixo Cochón para rematar.”

            Asemade, Manuel Bragado, no seu blog brétemas deixou constancia da devandita presentación con estas palabras que me permito reproducir. Moitas grazas!

A presentación en Pontevedra do libro de homenaxe a Manuel Lueiro Rey concitou grande interese. Como sucedera o sábado no Grovea libraría Paz quedou pequena para acoller aos asistentes nun acto no que se lembrou en repetidas ocasións a relacións de Lueiro coa cidade de Pontevedra, na que traballou como funcionario de Facenda.

Foi Ramón Nicolás, o coordinador do volume, quen primeiro lembrou este vínculo afectivo de Lueiro coa cidade de Lérez retratado en artigos inesquecibles en Faro de Vigo e Diario de Pontevedra. Tras a lectura de varios fragmentos dun deses artigos, Nicolás rematou as súas palabras lendo un texto autobiográfico de tres páxinas preparado por Lueiro nos anos oitenta. Uns minutos de intensa emoción prolongada por un aplauso moi longo.

Despois interviu Luís Cochón que leu o texto titulado «Lueiro na crista do galo», onde gabou a importancia da figura literaria do autor d’ O sol na crista do galo e a súa dimensión humana. Rematou Cochón con estas fermosas palabras: «Meu amigo era un home de ben, de peso, ponderado, honrado por demais, entregado á amizade da xente boa do seu tempo, e á boa xente nova que tanto lle quixemos. Manolo Lueiro pasounos o testigo da vella lexitimidade dos homes de ben da República. Canto de valor sucede na humana condición. Soubo estar sempre por riba das circunstancias, no nivel de excelencia que para el comportaba o feito de ser persoa. Cando nun individuo se dan excelencia da persoa e supremacía da palabra: o home íntegro, e a creación admirable que nos deixou en herdo, non se pode pedir máis. Convén que se saiba e que o saiban nesta terra que foi a súa».

A próxima parada da “Causa Lueiro” será en Fornelos de Montes, o berce natal de Lueiro, no mes de xullo, en data aínda por derterminar, onde se presentará este libro dos amigos que tanta emoción e intererese está suscitando.