Díaz Castro

Preferencias persoais á parte, a decisión da Real Academia Galega de nomear a Xosé María Díaz Castro para protagonizar o Día das Letras Galegas 2014, cadrando ademais coa data do centenario do seu nacemento, é unha decisión que se debe apoiar e particularmente alégrome que o poeta de Guitiriz vaia ser obxecto de atención este vindeiro ano. É de supor, ademais, que  a celebración posibilite a difusión de facetas menos coñecidas ou popularizadas do autor e talvez saque a luz algúns dos seus inéditos que contribuirán a perfilar cabalmente a súa obra e as dimensións reais da súa  figura. O feito de ter publicado unha obra en vida, algo que tamén fixeron outros moitos autores da nosa tradición como Manuel Antonio ou Manuel Luís Acuña,  avala que o importante non sempre é a cantidade senón a excelencia e a altura lírica que pode estar contida nun único libro, e Nimbos ten excelencia e ten altura de seu. Os meus parabéns á Asociación Cultural Xermolos e a Alfonso Blanco Torrado polo seu labor divulgador e por esa completa web que axuda a entender quen foi Díaz Castro.