Onte celebrouse un dos primeiros actos da Feira do Libro de Vigo onde tiven a fortuna de exercer como moderador no seo dun faladoiro sobre literatura galega e tradución, organizado ao fío das traducións ao castelán de Spam, de Francisco Castro e mais d´Os libros prestados de Xabier López. Alén dos autores amentados tamén nos acompañou o escritor éuscaro Álex Oviedo, en calidade de editor do selo Libros de Pizarra, editora que se responsabilizou de dar a coñecer estes dous títulos para lectorado en castelán.
No coloquio falouse das circunstancias que xeraron a publicación das dúas traducións, das (im)permeabilidades dos sistemas literarios próximos, do mercado e da carencia de axudas á tradución, alén de se debater arredor das dificultades que se viven hoxe no mundo editorial e literario. Alegreime que o caloroso serán vigués non minguase a asistencia de público, que foi moi nutrida. Todo un pracer participar en actos coma este.