A guía necsia, de David Wapner e Marc Taeger

É indubidable que as traducións abren as portas ao coñecemento de realidades e propostas literarias que, talvez doutro xeito, quedarían para sempre ignoradas. A práctica da tradución, particularmente, tróuxome sempre moitas satisfaccións e unha delas foi poder coñecer e traballar neste volume titulado A guía necsia, que acaba de se publicar en Faktoría K de Libros. Trátase dun libro breve pero intenso, ilustrado fabulosamente por Marc Taeger, e que me permitiu acceder por extensión á figura de David Wapner, un polifacético artista bonaerense (músico, poeta, narrador) de longa traxectoria.

      Os seus textos supuxeron para min unha descuberta, como o foron hai anos as propostas de Pablo Prestifilippo.  Wapner salienta por autoimpoñerse un exercicio de renovación xenérica, cando menos ben visible nos corenta e un fragmentos que compoñen A guía necsia,  explicitado na pretensión de romper os moldes narrativos máis tradicionais ou canónicos, apostando por un vizoso experimentalismo de xinea imaxinativa, abalando sempre entre a mordacidade e o ton humorístico. A súa escolla é a de formular un xogo recorrente de sorpresas, transitando por camiños  abeirados ao hibridismo -narración, crónica, documentos informativos, ensaios….- e ao nonsense;  sen nunca deixar de escoar un pouso de ironía e distanciamento, situado no finísimo gume entre  fantasía e realidade. Un libro ao que lle desexo sorte e visibilidade.