A máscara de Ulises
Galaxia, Vigo, 224 páxinas, 18 €
En ocasións, quen escribe sente a necesidade de botar a ollada atrás; por veces nese ollar retrospectivo agroma a intención de recuperar e compilar parte da obra espallada aquí e acolá ao longo dos anos. Este é o espírito d´A máscara de Ulises onde o escritor verinés recolle relatos dispersos dun período de case vinte anos e faino recorrendo ao espírito que serpea polas claves dunha estética moi persoal alimentada pola inequívoca inspiración clásica que suxiren as grandes voces que na literatura houbo e esa intransferible visión contemporánea dos grandes temas universais.
O libro cartografa o seu percorrido como narrador, dominado polo devezo de dar vida a personaxes perdedores que procuran o derradeiro sentido das súas existencias, alentando no gume dos precipicios. Estes protagonizan aventuras literariamente experimentalistas, onde o intrépido e o metaliterario van da man e sometidos, asemade, a esa marca singular de autor que é o tratamento estilístico denso, intenso e tantas veces barroco que se lles outorga. Sen dúbida, aquí, Caneiro en estado puro.
Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 29 de xuño de 2013, baixo o título de “Unha cartografía literaria”.