Infiltrados, de Afonso Eiré

Afonso Eiré

Infiltrados

Biblos, Cesuras (A Coruña), 192 páxinas, 16,50 €

Subtitulada como “Os servizos secretos, a UPG e outras historias do nacionalismo” esta última achega do narrador Afonso Eiré empoleirouse, desde hai algunhas semanas, como un dos libros máis vendidos en lingua galega e, sospeito, así se manterá nalgunhas máis.

         As razón van máis alá do interese puramente literario e o certo é que tampouco considero que este sexa un factor que desdí desta publicación que chega arestora da man de “Biblos. Clube de Lectores”. Conxecturo, así pois, que neste libro singular alguén haberá que procure algo máis que o relato dunha historia pois desde a súa promoción xa se advirte que se trata dunha novela de “non ficción” de asunto político. Novela é –os recursos e mais as estratexias empregadas non me deixan mentir- mais tamén bebe de fontes como son a crónica, o memorialismo e o ensaio nalgunhas ocasións. Todo por xunto constitúe, mágoa talvez dunha revisión textual máis intensa, unha versión informada e documentada dalgúns dos acontecementos que, no seo do nacionalismo galego ocorreron nos tempos da clandestinidade; nomeadamente o que ten que ver, aínda que non só, co proceso que explica como o servizos secretos se infiltran no nacionalismo galego e cales foron as consecuencias deste feito a través da evocación que realiza un personaxe chamado Xosé Torga.

       Infliltrados formula preguntas alén das explícitas que se incorporan nos diversos fragmentos que a compoñen e, ademais,  sobarda os límites de recrear e historiografar un acontecemento concreto indo moito máis alá. Convido á súa lectura.

 

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 29 de xuño de 2013, baixo o título de “Hibridismo narrativo”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.