"A noite no deserto" na Feira do Libro de Vigo

Un pracer poder acompañar onte na Feira do Libro de Vigo, en calidade de moderador, a  X.F. Fernández Naval e mais a Antón Riveiro Coello, nun faladoiro que se estableceu arredor das súas obras narrativas A noite branca e mais Laura no deserto.  Dúas novelas que que foron o motivo sobre o que aviveceu un fluído diálogo que reparou no proceso de xestación dos  textos, o seu nacemento e fontes de inspiración; sen esquecer as coincidencias temáticas e mesmo estruturais que se rastrexan en ambas as novelas. Loxicamente, falouse tamén de memoria e de identidade, elementos fulcrais en senllas pezas narrativas. Quedo, como resumo, con dúas aseveracións que se apuntaron neste diálogo, que me pareceu moi fértil e intenso: “somos tamén o que esquecemos” (Fernández Naval) e “a literatura ten un inequívoco poder restitutorio” (Antón Riveiro). Grazas a Chisco e Antón por compartir as súas experiencias e as súas opinóns neste implacable, por caloroso, serán vigués.

1 Comment

Os comentarios están pechados.