Ata o corazón da mazá
Espiral Maior, Culleredo, 41 páxinas, 12 €, 2013.
Teño para min que o Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé é un dos galardóns poéticos que máis propostas innovadoras e diferentes vai ofrecendo nos últimos anos. Ao poemario gañador da anterior convocatoria, un libro extraordinario de Lorena Souto, xúntaselle agora, logo da deliberación dun xurado composto por Dores Tembrás, María Rosendo Priego e Miguel Anxo Fernán Vello, a descuberta dunha voz como é a Marisol Gándara que, co volume Ata o corazón da mazá, acadou a vixésimo quinta edición do mesmo e que constitúe, malia ser xa galardoada co premio Francisco Añón do Concello de Outes en 2011 entre outros premios, o seu primeiro libro publicado.
Non é este un poemario compracente, tampouco doado; é unha proposta densa, compacta, construída desde a escolla significativa de símbolos e imaxes de diversa orde, percorrendo en moitas ocasións o gume da pluralidade semántica, que convidan á interrogación e á reflexión pausada. Para situarse no sentido deste libro unha voz lírica que se nomea como “poeta caníbal” procede a “dar caza ao animal político”, ofrecendo “os restos (…) a cada lector que abriu os poros / dos libros”.
É desde esa perspectiva onde cobra relevancia o recurso a unha serie de epístolas onde, xustamente, a mazá opera como outro símbolo, aquel das “convencións que caeron”, das que se aprehenderon “desde pequenos”, onde se denuncian as farsas. Seis cartas, así pois, dirixidas a Eva, a quen se lle deben “os paraísos da pel”, onde que se rastrexa un xogo de identificación derivado do proceso de estigmatización ao que Eva foi sometida. A carón destas cartas, sete poemas, dotados todos cun forte sentido da narratividade, resultan operativos para matinar sobre a esencia das palabras escritas, da escrita en xeral: “o poema sabe hoxe que sempre quedan disfraces por levar (…), desexos que espantar”. Todo isto axuda a desvelar a esencia final dos corpos, do pensamento, da vida…, do que somos ou parecemos ser, construíndo aos poucos un discurso onde se queren ver certas esperanzas para o cambio, para a mudanza, para a rebelión, apelando á solidariedade e á subversión. A palabra como escalpelo para habitar espazos baleiros ou negados, para cuestionar(se) a obediencia, para “sementar unha nova consciencia”. Ben faltos estamos dela.
1 Comment
Os comentarios están pechados.