Manuscrito: Rosalía de Castro

Penso que haberá unanimidade en considerar como un acontemento extraordinario  e moi relevante o achado que hoxe mesmo se incorpora na web da Fundación Rosalía de Castro e do que informaron o presidente da Fundación, Anxo Angueira, o director xeral da Fundación Barrié, Javier López e mais Xosé Barro, comisario da exposición  ‘No principio foi o verso. Rosalía de Castro’, que se pode visitar na sede de Vigo da Fundación Barrié; achado  que pasa a incorporarse aos seus fondos expositivos. Diversos medios de comunicación xa se fixeron eco da noticia pois, como é natural, as dimensións desta noticia penso que gozan de bastante trascendencia e van máis alá dunha simple achega documental ou bibliográfica. Tal e como se informa na web da Fundación, trátase da “recuperación dun exemplar único dunha primeira edición de ‘Cantares gallegos’ que inclúe unha fotografía orixinal non coñecida até o momento de Rosalía e un autógrafo cos dezaseis primeiros versos do poema inicial desta obra asinado pola autora. Ademais, nas últimas páxinas inclúese un texto manuscrito titulado “Fernán Caballero á Rosalía Castro”: unha carta datada en “Enero 25 de 1864” e copiada da orixinal, como di o autor anónimo do texto”. O propio Anxo Angueira realizou un estudo sobre o exemplar que se pode baixar en pdf premendo aquí.

     Hai algún tempo quixen incorporar un suposto manuscrito de Rosalía a esta sección, cousa que non fixen debido ás dúbidas que albergaba respecto da súa autoría real. Desta vez  si vai.  Beizóns á Fundación Rosalía de Castro por este achado! Observar a caligrafía de Rosalía, a súa foto e os contidos da carta rescatada resulta, cando menos, emocionante.