«Tucho Calvo, nos dez anos de Biblos» (en Qué leer, nº 189, Letras galegas)

O ESCRITOR TUCHO CALVO E CARMELA GONZÁLEZ CREARON, HAI XA DEZ ANOS, BIBLOS. CLUBE DE LECTORES. FALAMOS CO PRIMEIRO PARA FACER BALANCE DESTA INICIATIVA

Tucho Calvo (A Guaira, Venezuela, 1954), narrador de ampla traxectoria, traballou como xornalista durante moitos anos nas páxinas de La Voz de Galicia e centra agora os seus esforzos, xunto con Carmela González, en avanzar con Biblos. Clube de Lectura: algo máis que unha plataforma dende a que posibilitar que o libro en lingua galega acceda a moitos lugares. Biblos, ademais de editar unha revista mensual, idea e organiza premios literarios, é un selo editorial e, sobre todo, simboliza a esperanza no libro galego.


-Cal foi a orixe deste proxecto?
-A idea xurdiu ao valorar a grande importancia que tiña, cuantitativa e cualitativamente, a edición en galego e comprobar a súa escasa presenza nas librarías, por outra parte inexistentes en amplas áreas do noso país. Facilitar o acceso desde calquera lugar a todo tipo de novidades, incorporar as do mercado portugués e atender tamén a nosa música e cine, pareceunos un labor ilusionante.

-Que balance pode facer destes dez primeiros anos?
Positivo dende todos os puntos de vista. Achegamos a nosa actualidade cultural a moitas persoas interesadas nela dentro e fóra de Galicia, contribuímos modestamente a mellorar a comercialización de libros, discos e películas, e coprotagonizamos centenares de actividades.

-O premio literario anual que organizan deu a coñecer novos e sólidos valores…
-É unha aposta polos mozos de menos de 25 anos que queren ser novelistas e teñen un proxecto interesante. A resposta, reducida no número de participantes, foi extraordinaria no que se refire a calidade.  O formato do premio, que entre outras vantaxes ofrece ao gañador a estanza durante un mes na Casa Grande do Bachao para rematar o proxecto de novela e a axuda dun titor de alto nivel (Méndez Ferrrín, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Manolo Rivas, María Xosé Queizán…) funcionou tan ben que a maioría dos gañadores contan xa coa súa segunda e ata terceira novela.

-Cal foi o maior éxito do seu selo editorial?
-De partida cabe dicir que o noso esforzo se dirixiu sobre todo a dar a coñecer o gran traballo editorial que xa se estaba a facer en Galicia. Entendiamos que era esa divulgación o máis importante. Pero entre as obras que fomos publicando houbo algunhas que alcanzaron niveis de venda moi importantes, como Game over, de Santiago Lopo, e recentemente o libro infantil Verdedades, de Yolanda Castaño con ilustracións de Xosé Tomás, ou Infiltrados, de Afonso Eiré.

-De que iniciativas se senten máis satisfeitos?
-Sen dúbida, da nosa revista bimestral, un escaparate aberto ás editoriais, pero tamén ás universidades, fundacións, asociacións culturais e mesmo a edicións de autor, na que ademais aparecen entrevistas e comentarios. Os premios Biblos-Casa Grande do Bachao  a menores de 25 anos e a orixinalidade de moitas das nosas iniciativas son tamén motivos de orgullo.

-Cal é o maior reto de Biblos.Clube de Lectores nestes momentos?
-Como dende o primeiro momento, conseguir levar a información bibliográfica ao maior número de persoas posible. Día a día -e nos últimos meses fixemos un esforzo recompensado coa incorporación de numerosos socios-comprobamos que é moi difícil ser coñecido mesmo entre xente con interese no tema, xente que se mostra sorprendida de non ter recibido antes noticias da nosa existencia.

Esta entrevista publicouse nas páxinas da revista Qué leer, nº 189, na sección Letras Galegas, baixo o título de “Tucho Calvo, en los diez años de Biblos”. Ofrécese aquí a versión en lingua galega.

1 Comment

Os comentarios están pechados.