Excelentes novelas tamén en galego

MALIA OS GOLPES DA CRISE ECONÓMICA EDITORIAIS XENERALISTAS E OUTRAS QUE SE DEDICAN CASE EXCLUSIVAMENTE Á TRADUCIÓN AO GALEGO OFRECEN EXCELENTES LECTURAS PARA O VERÁN

 

É unha realidade, que en ocasións pasa un tanto desapercibida pola crítica e polos medios, a existencia tanto de selos editoriais centrados case exclusivamente no ámbito da tradución á lingua galega de obras narrativas, contemporáneas ou non, como dun corpus relevante de traducións en editoriais xeneralistas. Sen afán exhaustivo velaquí unha ollada panorámica, e actual, a este ámbito.

RINOCERONTE E HUGIN E MUNIN

         Unha ampla franxa de lectorado en lingua galega manifesta reiteradamente, sobre todo nas redes sociais, tanto o seu apoio e satisfacción pola existencia destes selos que posibilitan o acceso á novelística de calidade tanto do noso tempo coma doutras épocas.

         O caso de Rinoceronte, establecido no mercado hai xa bastantes anos, resulta significativo e esperanzador na medida en que contribúe a estabilizar a tradución de textos
literarios ao galego, algo sempre preciso e necesario para acadar unha maior cota de normalización no noso sistema literario. A  presenza de novidades deste selo segue a ser abondosa, posibilitando así o acceso a autores e obras que, doutro xeito, só se poderían ler noutras linguas e, en ocasións, nin sequera así ao rescatáranse por veces títulos inatopables. Nesta tempada, esta editora radicada en Cangas do Morrazo, ofrece tras a publicación de Infancia de J. M. Coetzee, a segunda entrega da triloxía desa memorias ficticias baixo o título de Mocidade. Ao tempo, comeza outra triloxía do escritor nixeriano Chinua Achebe, falecido hai poucas datas, co título Todo se esfarela. Dúas apostas deste mesmo ano foron senllas magníficas novelas negras de Jim ThompsonOs caloteiros e mais O asasino que hai en min.

          Hugin e Munin, pola súa banda, sostén o seu proxecto editorial a través dunha serie de subscritores que abonan unha cota anual de pouco máis de cen euros, polo que reciben un total de oito libros por ano, dous por trimestre. Depositan enteiramente,  deste xeito, a súa confianza nos criterios da editorial que adoita escoller títulos de inequívoca calidade literaria. As últimas achegas publicadas testemuñan este camiño: As valgadas bravas, de Raimon Casellas,  Maria, obra póstuma e radical de  Mary Wollstonecraft e mais O afundimento do Titán, unha obra de Morgan Robertson que, alén doutros valores, adiantou o afundimento do Titanic catorce anos antes de que ocorrera. Unha descuberta recente, saudada afervoadamente pola crítica, foi A asasina, do escritor grego Alexandros Papadiamandis.

EDITORAS XENERALISTAS

            Non sería completa esta panorámica sen citar os esforzos que levan a cabo  editoriais de inspiración mais xeneralista. Deste xeito, Edicións Xerais apostou hai pouco tempo pola tradución da segunda entrega da exitosa serie de Cornelia Funke baixo o título de Reckless. A vida nas sombras e a Editorial Galaxia ofrece unha interesante noveliña para o lectorado xuvenil baixo o título de Soños de fútbol en Bangui, de Yves Pinguilly.

         Salientou, nos últimos meses, a actividade que neste eido da novelística realizou Faktoría K de Libros, selo editorial da pontevedresa Kalandraka. Escollo catro títulos como son Tantos cabaliños lindos, de Cormac McCarthy, Un ianqui na corte do rei Artur, de Mark Twain e Pastoral americana,  de Philiph Roth, alén d´A evolución de Calpurnia Tate, de Jacqueline Kelly: unha proposta de fronteira que abala entre os camiños da novela de formación e os camiños da identidade.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 13 de xullo de 2013. Por cuestións de espazo debín omitir os nomes das tradutoras e tradutores destes libros, profesionais indispensables cando se fala de tradución. Todos e todas constan agora, nesta versión do artigo para a bitácora,  nas ligazóns dos títulos das novelas. Grazas.

2 Comments

Os comentarios están pechados.