A EDITORIAL GALAXIA EDITA DOUS VOLUMES QUE REPARAN NESE TESOURO QUE FOI E É A GASTRONOMÍA GALEGA, DE HOXE E DE SEMPRE
Adoitan ter o seu público fiel os libros de información ou orientación gastronómica e de estaren publicados con excelencia como resultan os presentes e amosaren contidos de interese e practicidade teño para min que o seu éxito está asegurado.
AS LAMBETADAS DE LARPEIROS
Ao fío do éxito que acadaron os libros de receitas creados a partir do popular programa “Larpeiros”, emitido pola Televisión de Galicia, aparece agora este título que subscribe Merchi Rodal (Cangas do Morrazo, 1979), responsable da sección de sobremesas no programa de Benigno Campos.
No devandito volume recóllense diversas receitas, elaboradas no programa ou non, construíndo así un percorrido sinxelo, práctico, útil e de xinea tradicional, inspirado na “repostería popular de Galicia” aínda que nelas se acheguen “ideas e pequenos trucos para facelas máis atractivas”, tal e como sinala a súa autora.
Máis de setenta receitas, en definitiva, editadas con extraordinario coidado e que van desde as galletas e pastas ata os biscoitos; das tortas e pasteis ata as cremas, mousses e flans ou dos chocolates ás froitas e marmeladas, contendo máis de sesenta receitas diferentes para tirarlles, sen dúbida, moito proveito.
A COCIÑA DOS CUNQUEIRO
Gustoume moito este A cociña dos Cunqueiro, subtitulado “80 xoias de saber culinario” e impecablemente editado como o anterior. A razón de que este libro fose do meu agrado quizais non radique tanto na miña querencia polo xénero –do que pouco entendo- senón talvez pola orixe deste volume inspirado na existencia duns manuscritos conservados. A mindoniense Elvira González-Seco Seoane (1913-1995), segundo conta o seu fillo César Cunqueiro nun prólogo emocionado que abre este libro, era unha persoa extraordinariamente creativa e con relevantes capacidades intelectuais en diversas ordes, entre as que salientaba a que se relacionou sempre co ámbito gastronómico e deste, xustamente, deixou unha valiosa e fermosa mostra a través de dez cadernos manuscritos que legou ao seu fillo.
Estes cadernos resultan, así pois, a fonte esencial deste libro pois encerran a filosofía particular que Elvira González-Seco depositaba no ámbito da cociña. Para ordenar e dispor este material recorreuse a Miguel Vila, editor e responsable do volume, quen confesa aplicou o máximo respecto aos textos manuscritos conservados e optou por escolmar aquelas receitas que mellor puidesen representar a cociña que se practicaba acotío na casa dos Cunqueiro.
O libro, xa que logo, non posúe un carácter específico, senón máis xeneralizado que o anterior. Ordenado con tino por Miguel Vila, e con notas aclaratorias en moitas ocasións, resulta unha auténtica alfaia, tamén visual, onde calquera se pode asomar para coñecer preparacións que eran comúns na Mariña luguesa no século pasado pero tamén para ver as que procedían doutras partes de Galicia e algunhas de procedencia europea ou americana. Moi recomendable para quen lle interese o xénero.
Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o 20 de xullo de 2013.