Das Palabras a O carnaval dos animais

Xúntanse  hoxe nesta bitácora, talvez non casualmente, dúas pezas literarias editadas por Kalandraka, coas que se afonda e demostra de seu que o álbum ilustrado é moito máis ca un xénero ou un formato acaído, tan só,  para un lectorado que comeza a exercer a fantasía da lectura: un camiño no que a editorial pontevedresa persevera moito, e moi eficazmente, desde hai ben anos.

     Palabras, así pois, de Jesús Marchamalo e MO Gutiérrez Serna, exhibe unha sincera devoción, xustamente, pola “palabra”, en moitas das súas posibles dimensións  pois, como se apunta no epílogo do volume, talvez sexa nelas o único lugar que fique para se atopar. É ese espírito, ao meu ver, o que percorre a res deste libro singular, alicerzado nese eixe converxente que as funcións utilitaria e imaxinativas  das palabras atesouran como valor comunicativo.

     Un libro, daquela, que non agocha escintilantes chiscadelas a Juan R. Jiménez, Borges ou Unamuno entre outros autores, erixido, case metaliterariamente, con termos que van moito máis alá do que os simples significantes amosan.  Velaí algúns que cómpre, se cadra, gardar ou conservar e outros que talvez mellor sería deixalos fuxir…, en todos eles, con todo, revélase a dimensión máis suxestiva e persoal depositada tantas veces na capacidade sensorial ou musical de moitos deles, irmandando tantas veces o lúdico e mais o lírico.

    Apelaba arriba a que talvez non fose casual que este Palabras viñera esixir un compañeiro de comentario como é O carnaval dos animais. Trátase este dun libro inspirado nunha suite escrita por Camille Saint-Saëns, incorporando un cd coa música interpretada pola Academy of London e acompañándose dun texto de José Antonio Abad Varela e de ilustracións de João Vaz de Carvalho. A esencia da historia vincúlase cunha intención humorística por parte do seu creador, pragada de abondosas chiscadelas irónicas,  á que incorporou pezas musicais propias e outras de diversa índole co obxectivo de se interpretar, nun día de entroido,  cun claro sentido lúdico onde non é menor a pegada da biodiversidade nin tampouco a fantasía representada nas situacións protagonizadas por diversos  animais. Todos eles acaban sumándose a unha festa carnavalesca que brinda un león.

     Ler o texto de Abad, escoitar a versión musical e reparar nas ilustracións que acompañan o texto resultan actividades que moito recomendo.