Un rato díxolle á lúa, de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Un rato díxolle á lúa

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 152 páxinas + cd, 18,50  €

 

    Transcorreron xa case dous meses desde a presentación de Un rato díxolle á lúa na Casa do Libro de Vigo e quixen, á mantenta, deixar pasar un pouco tempo para achegarme a el con certo acougo, talvez para non deixarse levar pola paixón torrencial que arredor deste libro de García Teijeiro se viviu naquel serán vigués.

     No fondo tanto tivo deixar pasar tempo pois a lectura desta antoloxía non pode ocultar a vontade, que enchoupa cada unha destas páxinas,  de contaxiar a paixón pola poesía e pola música que se evidenciou aquel día. Un rato díxolle á lúa é, ademáis, un libro completo:  antológase e prológase con tino e contención por Fran Alonso; ilústrase marabillosamente por Xosé Cobas, epilógase por Antón García-Fernández (fillo do poeta, que tamén deixa constancia da historia das gravacións que se conteñen neste libro) e, por se fose pouco, acompáñase dun cd no que se accede a cancións que Paco Ibáñez interpreta do seu amigo Teijeiro, alén de engadir tres recitados do poeta con Ibáñez á guitarra.

     Supón unha fortuna, sen ningún xénero de dúbidas, contarmos con este volume que  compila e antologa parte do mellor de vinte e cinco anos de traballo arreo a prol da poesía, e da poesía infantil particularmente: ese espazo onde Teijeiro, por dereito propio e con xustiza, ocupa un dos lugares máis cimeiros hoxe en día.  Nunca é doado constrinxir unha amplísima obra publicada nun único volume mais teño para min que aquí xermola e se abre de novo ao mundo o mellor, ou se cadra o máis significativo e relevante, do traballo poético do autor vigués.  Poemas de “amor”, “acougo”, “concordia” e “música”, apunta o prologuista deste libro, e abofé que así é.  Nestes versos navégase polos mares da imaxinación, da fantasía, do lúdico, do compromiso adquirido coa liberdade do ser humano, cos grandes e permanentes valores de fondas raigames na estética e na ética do poeta. E todo iso faise recorrendo, sen que se advirta, cocéndose a lume manso na cociña do poeta, a unha amplísima e rebordante serie de recursos e ferramentas creativas, variadas e plurais, sempre dispostas ao servizo do ritmo e da musicalidade que atesouran os poemas, potenciando a arte da comunicación directa e diáfana, tantas veces brillante, mais na que tamén cómpre, en ocasións, deterse e reflexionar.

     Ao meu ver, un libro imprescindible para quen aman a poesía; unha conversa, se se quere un diálogo continuo, con poetas, con cantautores-poetas  de todo tempo e condición (de Rosalía a Celso Emilio, de Dylan a Lennon entre tantos outros e outras); un galano que é -Fran Alonso apuntouno con lucidez e acerto-  unha porta aberta “pola que lle foxen os versos”, onde medran “a lúa, o sol e moitos, moitos, poemas do seu corazón”.

1 Comment

Os comentarios están pechados.