Como é ben sabido Portugal atravesa, social e politicamente, uns momentos extraordinariamente convulsos. A semana comezou con Passos Coelho afrontando a súa quinta moción de censura e concluíu coa ruptura da mesa de negociación entre diversos partidos políticos para a constitución dun goberno que denominaban de “salvación nacional“. Entrementres, a presenza policial nas rúas de Lisboa é moito máis evidente que hai anos, numerosos negocios cancelan as súas actividades -agás entidades bancarias e esas numerosas franquicias do “compro ouro”, que medran como cogomelos- de xeito que os sectores menos favorecidos da sociedade ven como as dificultades para sobrevivir son, a cada momento, maiores. Realmente pouco hai que convide ao optimismo.
Malia todo, eses espazos fantásticos que acolle Lisboa seguen a estar aí. Un deles é a Casa Fernando Pessoa, situada no Campo de Ourique, e que particularmente nunca visitara. Pessoa vivira durante bastantes anos nun soto dese edificio dedicado agora, na súa totalidade, a actividades culturais que promocionan a súa figura e que teñen moi presente un fin educativo, aspecto este último que máis me interesou.
O edificio, inaugurado en 1993, distribúese en tres andares principais onde destaca a súa biblioteca, un auditorio, unha exposición permanente -o “sonhatório”, con propostas interactivas para os máis pequenos- e, ademais, un espazo dedicado a expor obxectos e pertenzas de índole moi variada do poeta, que van desde manuscritos, pasando por cadernos de anotacións, a súa máquina de escribir ou o seu dormitorio.
A Casa Fernando Pessoa mantén unha programación continuada ao longo de todo o ano, onde se lle presta especial atención ao ámbito educativo, o que entendo como un acerto tanto da Câmara Municipal de Lisboa como dos responsables directivos desta Casa, que converteron este lugar nun espazo de difusión cultural de visita obrigada e que me parece un modelo a seguir en Galicia. Alén diso, o trato persoal que dispensan pareceume excelente e a súa web, que se pode consultar aquí, igualmente extraordinaria.
En Lisboa, na Casa Fernando Pessoa | Caderno da crítica, ¿Que mas nos puedes explicar?, me resulta insterense esta articulo. Saludos.
Pouca cousa a maiores. Só recomendar a súa visita. Un saúdo!