Galegos de Ourense

VV.AA.

Galegos de Ourense

Deputación de Ourense, Ourense, 560 páxinas, 18  €

 

Galegos de Ourense inspirouse orixinalmente nos relatorios que se defenderon en catro cursos de  Extensión Universitaria organizados pola Universidade de Vigo en Celanova e nucleados arredor de diferentes personaxes vinculados pola nacencia ourensá. Con todo, na presente publicación, coordinada con efectividade por Jesús de Juana, Julio Prada e mais Domingo Rodríguez Teijeiro, membros da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, sobárdanse amplamente o que constituían as previsións iniciais.

            Este volume, sometido a un excelente e envexable tratamento estético e ao preciso rigor científico, agrupa un conxunto de vinte e seis diferentes colaboracións subscritas por outros tantos investigadores ou especialistas, vertebradas todas elas baixo o criterio da  data de falecemento do personaxe estudado; personaxe que salientou no  seu día, e para a posteridade, polas súas actividades sociais, culturais ou profesionais que se levaron a cabo en territorios tan heteroxéneos como a creatividade literaria, o xornalismo, a industria, o ensino, o funcionariado, a política, a música ou a arqueoloxía por citar só algúns . Velaquí, así pois, análises biográficas,  achegamentos xerais, que posibilitan afondar en figuras que van desde a de San Rosendo ata José Ángel Valente, pasando por Feijoo, Lamas Carvajal, Bedoya, Lamas Carvajal, Basilio Álvarez, Risco, Otero, Ferro Couselo ou Celso Emilio Ferreiro por só citar algúns deles.

            O obxectivo de divulgar o legado cultural, ou doutro tipo, que deixaron en herdo estes personaxes penso que constitúe un dos valores máis salientables e valiosos do volume. Na presentación deste libro afirmouse que se proxectaba completar esta entrega con outra achega que completase os contidos que aquí se presentan. Ben preciso resulta, ao meu ver pois tan só no ámbito da cultura hai un gran número de ausencias con méritos abondo para estar, e penso en autores como Eduardo Blanco-Amor, Heraclio Pérez Placer, Álvarez de Nóvoa, Xosé Ramón Fernández-Oxea, Antonio Rey-Soto (tamén na súa cualidade de bibliófilo), Antón Losada Diéguez ou Manuel Luís Acuña; pintores como Quessada, e reparar nas moitas mulleres que desenvolveron actividades relevantes, como as que no mundo literario e cultural se obviaron: Pura e Dora Vázquez, Filomena Dato Muruais ou Olga Gallego por só citar algunhas.

            Malia as ausencias participo da opinión que esta publicación cumpre unha función de divulgación e actualización importante. Oxalá se complete e enriqueza nun futuro próximo.

 

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento “Culturas” de La Voz de Galicia, o dia 27 de xullo de 2013, baixo o título de “Ilustres de Ourense e Galicia”.