Na Casa dos Bicos (sede da Fundação José Saramago)

Comentei por aquí que un dos primeiros escritores “profesionais” que coñecín, aínda que fugazmente, foi José Saramago, por mor dunha visita que fixera á Facultade de Filoloxía a finais dos anos oitenta, no seo dun ciclo de escritores portugueses que organizara a profesora Pilar Vázquez Cuesta en Compostela, amiga e admiradora do escritor de Azinhaga. Saramago publicara daquela cinco “romances”, un libro de poesía e un extraordinario, aínda hoxe, Viagem a Portugal de xeito que a súa carreira literaria estaba a catapultalo internacionalmente. Por esta razón, entre outras, era obrigada a visita á Casa dos Bicos: un extraordinario espazo lisboeta do século XVI, na Rúa dos Bacalhoeiros, ao pé de Alfama e da Catedral, que foi habilitado pola Câmara Municipal de Lisboa, ou máis ben cedido, como sede da Fundação José Saramago. Malia cadrar cunhas obras provisionais que se realizaban no soto do edificio a visita foi satisfactoria e o certo  é que, en conxunto, esta sede se articula como un modelo, operativo e funcional, de intencionalidade informativa e didáctica, nalgunha medida emocional, para se internar polos perfís de Saramago, soterrado, por certo, a carón dunha oliveira emprazada diante do edificio.

      Documentos, manuscritos, obxectos diversos do autor, fotografías, paneis informativos, primeiras edicións das súas obras orixinais e traducidas, galeradas revisadas,  vídeos, abondoso material sonoro  xunto con documentos de diversa orde converten a visita nunha fantástica oportunidade de viaxar ata ese mundo feito con palabras e soños que nos legou, aínda hoxe presente e moi vivo, como non, nos seus libros.