Este pasado venres, na Feira do Libro da Coruña, concluíu o percorrido que, da man de Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, permitiu achegar a figura do autor d´O soño sulagado a todas aquelas persoas que quixeron e puideron asistir aos actos de presentación que se celebraron en Vigo, Pontevedra, Ourense, Celanova, Lugo, Ferrol, Compostela e A Coruña.
Teño que admitir que para min constituíu unha experiencia extraordinaria polo moito que aprendín dela. É tempo de lle agradecer a compañía, en todos os casos xenerosa e entregada, de Luís Ferreiro en todas as presentacións; de Manuel Bragado na totalidade delas agás en Ferrol onde foi Fran Alonso, editor técnico do libro, quen quixo estar connosco.
Ao tempo quero estender o meu agradecemento a todo un grupo de persoas que, aquí e acolá, quixeron darlle agarimo e acobillo ao libro: grazas a Leo e McGarcía pola música e á poesía, e a Isabel Ferreiro polas súas palabras en Vigo; grazas a Xesús Constela en Pontevedra; a Xoán Carlos Domínguez Alberte en Ourense; a María Reimóndez en Lugo; a Chus Nogueira en Compostela e a Mercedes Queixas na Coruña. Como despedida reproduzo unhas palabras da secretaria xeral da AELG recollidas nun completo apuntamento subscrito por Manuel Bragado: “Esta é a crónica dunha vitoria gañada aos silencios que de maneira intermitente semella ter acompañado a CEF” pois recollen, ao meu ver, unha das intencións do volume.
Beizón a todas e todos que nos acompañastes nesta longa e celmosa experiencia (grazas polas fotografías a Mariña, Mercedes Queixas e Lucía L. Bayo).
Foi un verdadeiro pracer acompañarvos a ti e mais a Celso Emilio nesta viaxe. Grazas de corazón!
Grazas, Xesús. O pracer foi meu tamén. Unha aperta forte.