Máis sobre a "causa Lueiro Rey"

Foron varias as ocasións nas que a pasada semana o nome de Lueiro Rey ocupou certa atención informativa. Tal e como xa sinalou Manuel Bragado nunha pormenorizada, completa  e extensa crónica, este venres pasado Lueiro volveu á súa casa e presentouse o libro-homenaxe nun acolledor e entregado Fornelos de Montes, espazo onde naceu e  que aínda evocaba ao final da súa vida en artigos de prensa, lembrando a  figura do pai e mais as sabias sentenzas do campaneiro do lugar. A presentación mereceu, por outra parte, unha crónica nas páxinas do Faro de Vigo, a cargo de Iván Leis, que se pode consultar premendo aquí. Asemade, o día previo á presentación mantiven con Anxo Quintela, no espazo Diario Cultural da Radio Galega, unha conversa sobre Lueiro que se pode consultar aquí.

     Por último, Xoán Carlos Domínguez Alberte subscribiu unha recensión,  en Sermos Galiza,  baixo o título “Mestre comunista” arredor do devandito libro e Carmen Carreiro,  presidenta da Asociación Veciñal O Cruceiro da Laxe e responsable da publicación Baía Sur, agasalloume cuns exemplares da última entrega da revista para a que me solicitara un breve artigo sobre Lueiro e o seu libro-homenaxe que aquí incorporo tamén.

     Grazas a todas as persoas que se ocupan e preocupan da difusión deste libro, da memoria e do legado de Lueiro.